Nun día como hoxe queremos lembrar esta efeméride, e para iso facémonos eco das palabras de Pas Pallás, as cales reflectimos aqui
“Entre o 8 de marzo (Día da muller) e o 10 (Día da clase obreira galega) temos o 9, Día do Naturalismo Galego.
E sen obviar que o respecto social e político pola natureza é cousa de cada día do ano, destácase este día por ser aniversario do natalicio en 1695 do primeiro sabio estudoso da natureza de Galiza: Pedro José García Balboa, conhecido como frei Martín Sarmiento, a quen podemos considerar o primeiro naturalista histórico galego.
Dicía nun comunicado o Consello da Cultura Galega o 1/3/2023:“… Sarmiento e o estudo da natureza están de actualidade, nunha época escura e triste para a conservación do noso patrimonio natural, que día a día perde hábitats e ve deturpar biotopos, machucados por centos de parques eólicos, milleiros de quilómetros de fíos de electricidade, millóns de eucaliptos e un case infinito descoñecemento social da biodiversidade que nos rodea.
Lamentablemente, e doe dicilo, Galiza é un país sen educación ambiental”.
E, lamentablemente penso eu hoxe, estamos a perpetuar esta época triste e escura se permitimos que o conglomerado industrial ALTRI constrúa unha celulosa no corazón de Galiza con consecuencias dramáticas para a nosa natureza e saúde. Non esquezamos que sen natureza non hai vida, e sen vida nin hai feminismo nin clase obreira. Mais, con todo, e grazas a milleiros de persoas comprometidas e asociacións naturalistas que non deixan de loitar cada día, agardo sexamos capaces de protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado.
Hoxe e sempre, viva a natureza!!!
#9M
#DíaDoNaturalismoGalego”

