A Laracha ten dereito a saber: reunión informativa, difusión pública e razóns para frear unha macroplanta de biogás-biometano

A Asociación Galiza Atlántica e Verde informa á veciñanza da seguinte reunión informativa:

Hoxe, na Casa da Cultura da Laracha, ás 20:00 h, celebrarase unha xuntanza aberta sobre a posible instalación dunha planta de biogás na Laracha.

Ademais, hoxe ás 19:00 h, no programa Alegría, de Cuac FM, falaremos do biogás na Laracha e da presentación dun libro de Manolo Monje, entre outras cuestións.
Poderase escoitar no 103.4 da FM, se estás na cidade da Coruña, ou a través de internet en:
https://cuacfm.org/directo/


O que está en xogo na Laracha e na comarca

Empresas privadas pretenden instalar macroplantas de biometano industrial na comarca para procesar arredor de 100.000 toneladas anuais de xurros e residuos, que se acumularían en enormes balsas.

Cómpre aclarar que, ademais dos xurros, este tipo de instalacións pode empregar como materia prima:

  • restos de cadáveres de animais procedentes de matadoiros;
  • lodos de depuradoras urbanas e industriais;
  • outros residuos orgánicos e industriais autorizados.

Estes materiais xeran, en moitos casos, cheiros moito máis pestilentes e intensos ca os propios xurros, e poden incorporar unha maior carga contaminante, incluíndo metais pesados, compostos perfluorados, microplásticos e restos de medicamentos, que acaban nos dixestatos e, posteriormente, poden chegar aos solos, ás augas e mesmo á cadea alimentaria. Isto implica riscos para a saúde e contribúe tamén a fenómenos tan graves como a resistencia aos antibióticos, unha auténtica pandemia silenciosa.

Para facernos unha idea da magnitude: 100.000 toneladas é unha cantidade de residuos extraordinaria para un concello como A Laracha. No texto que manexamos indícase, como referencia comparativa, que 100,1 toneladas de lixo son as que se recollen ao ano na Coruña, cidade que multiplica por 80 a poboación da Laracha.


Unha vez instaladas, é moi doado ampliar residuos e toneladas

Un dos aspectos que máis preocupa é que, unha vez instalada a planta, resulta relativamente fácil solicitar e obter modificacións non substanciais para:

  • incorporar novos residuos;
  • aumentar as toneladas a procesar;
  • flexibilizar condicións técnicas inicialmente presentadas como garantía.

Isto foi denunciado publicamente pola alcaldesa de Balsa de Ves, que explicou:

“En un principio la planta iba a procesar 15.000 toneladas de purín de cerdo y 3.500 toneladas de restos hortofrutícolas, pero a los pocos meses de estar iniciada la planta sustituyeron las 3.500 de restos hortofrutícolas por 26.000 toneladas de residuos industriales”.

Vídeo:
https://www.youtube.com/watch?v=OlyAyo0xV6Y

Tamén serve de exemplo a relación de modificacións non substanciais (MNS) na planta de biogás de Almazán (Soria):

  • MNS 1: eliminación da obriga de pasteurizar o xurro;
  • MNS 2: xestión de novos tipos de residuos;
  • MNS 3: xestión de novos residuos SANDACH (Subprodutos Animais Non Destinados a Consumo Humano);
  • MNS 6: incorporación de novos códigos LER (Lista Europea de Residuos).

Referencia:
https://sorianoticias.com/noticia/2025-10-07-problemas-en-una-reforma-obligan-a-biored-almazan-a-modificar-su-proyecto-de-biogas-125533


O biometano disfrázase de verde, pero cheira, contamina, enferma e arruína os pobos

A mensaxe comercial destas empresas pretende presentar estas instalacións como proxectos “verdes”, “circulares” e “sostibles”. Mais a realidade que se está denunciando en numerosos territorios do Estado é moi distinta.

1. Xeran moi pouco emprego e destrúen actividade económica local

Segundo a propia información difundida por Mapfre, este tipo de plantas pode xerar arredor de 3 postos de traballo directos por planta. É dicir: moi pouco emprego directo, mentres poden destruír outros moitos nos sectores que si sosteñen o territorio:

  • turismo rural;
  • comercio local;
  • hostalaría;
  • pequena produción agroalimentaria;
  • valor residencial e atractivo do medio rural.

Referencia:
https://www.mapfre.com/comunicacion/comunicacion-economia/mapfre-lanza-primer-fondo-inversion-de-biometano-en-europa/

2. Os promotores negan ou minimizan os efectos sobre a saúde, pero a evidencia científica di outra cousa

Os promotores adoitan afirmar que estas instalacións non xeran problemas de saúde. Porén, iso contradí a evidencia científica. A revisión de 19 estudos científicos, realizada por Tamburini e colaboradores, sobre traballos publicados entre 2000 e 2022, conclúe que vivir preto destas industrias se asocia a:

  • maior risco de enfermidades respiratorias;
  • máis casos de asma e EPOC;
  • maior risco de cancro e doutras patoloxías;
  • incremento das visitas a urxencias por problemas respiratorios entre as persoas que viven a menos de 10 km.

Referencia científica:
https://pubmed.ncbi.nlm.nih.gov/37047920/

3. Os cheiros non son unha anécdota: son un problema estrutural

Repítese unha e outra vez que “as plantas modernas non cheiran”, que “todo o proceso é hermético” ou que “os camións van tapados”. Mais isto non resiste unha análise seria.

Toda planta de biometano é, en esencia, unha planta de biogás á que se lle engade un proceso industrial adicional para obter biometano. O dixestor pode ser hermético, pero non o son nin as naves nin as balsas de almacenamento de residuos, que no mellor dos casos estarían cubertas; e moitas veces nin iso se cumpre na práctica.

O alcalde de Casasbuenas (PP), referíndose á planta do concello de Noez, inaugurada en 2025, explicábao así:

“Hai 3 piscinas grandísimas donde sale toda la mierda que están destapadas, aunque en teoría son herméticas en los papeles y los camiones también van destapados y nadie les controla ni les dice nada”.

Vídeo:
https://www.youtube.com/watch?v=5kyqj4LL5BY

Tamén se di que instalarán sistemas de filtración de cheiros capaces de resolver o problema. Pero eses equipos son moi caros, e o seu mantemento en bo estado tamén supón un custo elevado. Non parece realista esperar que fondos de investimento e grandes promotores sacrifiquen rendibilidade para protexer a veciñanza cando o seu obxectivo declarado é obter retornos económicos moi altos.

Nun dos proxectos está detrás un fondo de investimento de capital risco de Mapfre, que espera retribuír aos seus investidores cunha rendibilidade do 12-15% anual.

Referencia:
https://www.mapfre.com/comunicacion/comunicacion-economia/mapfre-lanza-primer-fondo-inversion-de-biometano-en-europa/

Ademais, en España non existe unha normativa específica estatal nin autonómica que estableza parámetros obxectivos e obrigatorios para determinar cando existe contaminación odorífera que exixa intervención pública. O propio Consello Xeral da Avogacía Española recolle que existe unha norma técnica UNE relativa á calidade do aire e á contaminación por cheiros, pero non é obrigatoria. Isto deixa á poboación nunha situación de enorme indefensión.

Referencia:
https://www.lawandtrends.com/noticias/derechos-humanos/contaminacion-odorifera-dificil-de-determinar-sin-normativa-especifica-pero-con-efecto-en-derechos-fundamentales-1.html

4. Devalúan vivendas, expulsan poboación e multiplican o tráfico pesado

Entre os efectos máis denunciados están:

  • a devaluación das vivendas situadas nas proximidades;
  • o despoboamento;
  • o aumento substancial do tráfico pesado de camións con residuos pestilentes por toda a comarca;
  • os danos ao turismo rural, á hostalaría e ao comercio.

Referencias:
https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S0301421519301715
https://www.youtube.com/watch?v=OlyAyo0xV6Y
https://www.youtube.com/watch?v=qlUlO6TTbR0

5. Agravan a contaminación das augas por nitratos

O metano (CH4) non contén nitróxeno. Iso significa que os nitratos que entran na planta cos xurros e outros residuos non desaparecen: saen no dixestato, aproximadamente o 99%, e ademais nunha forma amoniacal, que se volatiliza e se filtra con máis facilidade ao aire e ás augas, agravando a contaminación.

Este problema non é menor. Hai estudos que relacionan a presenza de nitratos na auga co incremento do risco de cancro colorrectal a partir de 6 mg/l, moi por debaixo do límite de 50 mg/l fixado para a auga potable.

Referencia científica:
https://pubmed.ncbi.nlm.nih.gov/29652205/

6. O suposto beneficio para o sector gandeiro é moi dubidoso

O presunto beneficio para as explotacións gandeiras só podería existir, no mellor dos casos, para modelos máis intensivos, que son precisamente os que menos emprego xeran e máis contaminan.

Ademais, nin sequera ese beneficio está claro. No proxecto da Laracha, a empresa promotora prevé ingresos anuais de 1,46 millóns de euros por primas recibidas de empresas, por exemplo do sector gandeiro, polo tratamento dos seus residuos.

Referencia:
https://www.economiadigital.es/galicia/gl/empresas-gl/cobra-volve-a-tentar-co-seu-proxecto-de-biogas-en-a-laracha-e-preve-case-catro-millons-de-beneficio-anual.html

7. Deterioran a imaxe dos alimentos producidos na comarca

Non é casualidade que denominacións de orixe e sectores produtivos de alto valor engadido se opoñan a estas instalacións. As denominacións de orixe dos viños do Duero, Toro e La Rioja están a rexeitar plantas deste tipo porque saben que:

  • os viños poden captar os cheiros putrefactos;
  • se deteriora a imaxe do produto;
  • cae o valor comercial do territorio.

“Nada de calidad puede producirse en una tierra inundada del digestato resultante de los excrementos, los lodos y los desechos que nadie quiere”.

Referencias:
https://www.burgosconecta.es/provincia/ribera/ribera-duero-posiciona-plantas-biogas-macrogranjas-20240708103619-nt.html
https://www.larioja.com/la-rioja/consejo-regulador-opondra-plantas-biogas-suelo-doca-20250711084706-nt.html?ref=https%3A%2F%2Fwww.ecosia.org%2F
https://www.laopiniondezamora.es/toro/2025/11/02/do-toro-rechaza-instalacion-plantas-123286511.html

8. Pretenden instalalas a só 500 metros das aldeas

Preténdese aplicar a distancia da Lei do Solo prevista para granxas sen base territorial, é dicir, 500 metros, cando xa o Decreto 2414/1961 establecía unha distancia mínima de 2 km para actividades insalubres, nocivas e perigosas.

Incluso a Dirección Xeral de Saúde Pública de Castela-A Mancha considera totalmente insuficiente unha distancia de 2 km.

Referencia:
https://revistaenologos.es/wp-content/uploads/2025/11/Informe-DG-Salud-Publica-sobre-Plan-Biometano.pdf

9. O beneficio económico para o Concello é escaso e moi inferior ao dano potencial

Os ingresos municipais durante a vida útil da planta serían reducidos. O máis relevante adoita ser o imposto inicial de obras, pero iso é un ingreso puntual. A propia alcaldesa de Balsa de Ves preguntábao con claridade:

“Dicen que trae tanto dinero al pueblo, pero el único beneficio es el pago del impuesto inicial de obra ¿y por eso vas a vender al pueblo?”

Vídeo:
https://www.youtube.com/watch?v=OlyAyo0xV6Y

En relación co IAE, as entidades que inicien actividade en territorio español están exentas durante os dous primeiros períodos impositivos:
https://sede.agenciatributaria.gob.es/Sede/declaraciones-informativas-otros-impuestos-tasas/impuesto-sobre-actividades-economicas/tengo-que-presentar-declaracion-iae.html#:~:text=Las%20entidades%20que%20inicien%20el,desarrollado%20anteriormente%20bajo%20otra%20titularidad

A partir do terceiro ano, tampouco pagan IAE se teñen un importe neto da cifra de negocios inferior a 1.000.000 €:
https://sede.agenciatributaria.gob.es/Sede/declaraciones-informativas-otros-impuestos-tasas/impuesto-sobre-actividades-economicas/tengo-que-presentar-declaracion-iae.html#:~:text=Las%20entidades%20que%20realicen%20una%20o%20varias%20actividades%20en%20territorio%20espa%C3%B1ol%20y%2C%20tengan%20un%20importe%20neto%20de%20la%20cifra%20de%20negocios%20(INCN)%20inferior%20a%201.000.000%20%E2%82%AC

Mesmo con cifras de negocio de entre 10 e 50 millóns de euros, o IAE sería de arredor de 2.800 €. E no caso do IBI, ao situarse en solo rústico, os valores e tipos impositivos son menores. Ademais, as instalacións de xeración de electricidade e gas considéranse con frecuencia bens inmobles de características especiais, e poden ter bonificacións de ata o 90%, chegando nalgúns casos a pactos de exención.

10. Reciben axudas públicas mentres comprometen recursos colectivos

Estas instalacións tamén reciben axudas públicas directas ou indirectas, desviando recursos que poderían reforzar servizos públicos ou investimentos sociais.

No caso do produto Mapfre Energías Renovables II, indicouse que captou 20 millóns de euros aportados polo ICO mediante fondos europeos Next Generation.

Referencia:
https://www.expansion.com/empresas/seguros/2025/05/12/68219d21468aebd7208b459c.html

11. Non é casualidade onde queren instalalas

Nos Estados Unidos, estas plantas concéntranse en zonas habitadas por comunidades hispanas e persoas racializadas, agravando situacións previas de inxustiza ambiental. O que se denuncia é que estas industrias tentan implantarse alí onde atopan menos capacidade de defensa e máis marxinación.

Referencia:
https://www.sraproject.org/wp-content/uploads/False-Promsies-FactoryFarmGas.pdf


Isto non vai de cores: vai de olores, saúde e defensa do territorio

Consideramos que o grupo de goberno que permita a instalación desta industria no seu municipio perderá, case con seguridade, o apoio dunha parte importante da veciñanza.

Máis de 100 pobos en toda España están a loitar contra esta industria. En Galicia xa se desbotaron, pola oposición social, proxectos deste tipo en Lugo, dúas veces: Coeses e Lugaz. E en Antas de Ulla, a veciñanza chegou a estar disposta a comprar a finca onde pretendían instalar a planta para evitar que caese nas mans da empresa promotora.

En moitos concellos, representantes políticos de todas as cores están a unirse para defender os seus pobos desta ameaza. Porque isto non vai de cores: vai de cheiros, saúde, auga, territorio e futuro.


Vías legais que ten un Concello para evitar a instalación dunha macroplanta de biogás-biometano

Os concellos si teñen marxe legal para actuar. Estas son algunhas das vías principais:

1. Informes desfavorables de compatibilidade urbanística

O Concello pode emitir un informe desfavorable de compatibilidade urbanística se o uso proposto non se axusta á normativa urbanística vixente, por razóns como:

  • afección medioambiental;
  • contaminación das augas;
  • insuficiencia ou inadecuación de accesos;
  • protección agroambiental do solo;
  • incompatibilidade cos usos permitidos.

Iso si: debe estar fundamentado tecnicamente.

Este informe é esencial na tramitación de proxectos deste tipo. E, se o Concello xa emitiu no seu día un informe favorable, pode revisalo e, no seu caso, revogalo se se detectan erros ou cambios relevantes nas condicións do proxecto.

Exemplo: o Concello de Aielo de Malferit suspendeu licenzas urbanísticas e revisou informes favorables concedidos a unha planta de biogás ao considerar que o consumo de auga especificado no proxecto non coincidía coa información inicialmente achegada. Non só polo consumo de auga, senón tamén polo contido de nitratos, están a paralizarse macrogranxas e plantas de biogás.

Referencia:
https://loclar.es/es/vall-dalbaida/aielo-aprueba-iniciar-la-lesividad-de-la-planta-de-biogas/

2. Suspensión de licenzas urbanísticas

Os concellos poden suspender a concesión de licenzas de obra e actividade para este tipo de instalacións mentres tramitan modificacións normativas, ao abeiro do artigo 47 da Lei do solo de Galicia.

Esta medida permite frear temporalmente os proxectos en curso durante un ano, prorrogable por outro máis.

Exemplos:

3. Modificación da normativa urbanística ou aprobación de ordenanzas municipais

Os consistorios poden modificar o PXOM ou as normas subsidiarias para restrinxir ou impedir estes usos. Esta vía require:

  • tramitación formal;
  • informes;
  • aprobación plenaria;
  • e o procedemento legal correspondente.

É unha solución máis lenta, pero tamén máis duradeira e sólida.

Exemplos:


Situación actual da Asociación Galiza Atlántica e Verde

Queremos informar tamén de que esta asociación se personou no expediente o pasado 20 de marzo, hai xa máis dun mes, sen ter recibido resposta ata o de agora.

Do mesmo xeito, tamén se solicitou información ao Concello, sen resposta.

Neste momento estamos en fase de exposición pública, o que significa que a cidadanía pode presentar alegacións. A asociación está xa traballando nelas e, en canto estean rematadas, difundiranse publicamente.


Chamamento á veciñanza

Facemos un chamamento á participación, á información rigorosa e á defensa do territorio.

A Laracha non pode converterse nun lugar receptor de residuos industriais, lodos e subprodutos animais baixo unha etiqueta “verde” que non resiste a análise dos feitos, das experiencias doutros territorios nin da evidencia científica dispoñible.

Hoxe temos unha cita importante:

  • 19:00 h – Programa Alegría, en Cuac FM
    103.4 FM na Coruña ou en directo en: https://cuacfm.org/directo/
  • 20:00 hReunión informativa na Casa da Cultura da Laracha

Informarse, participar e actuar é defender a saúde, a auga, a terra e o futuro da comarca.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio