A LOITA FINAL: SE PERDEMOS ESTA LOITA, PERDÉMOLO PAÍS

LUGO: Venres 12 Set as 19.00 hrs

RIBADEO: Sab 13 Set as 19.00 hrs

Non perdades a oportunidade de ver esta fin de semana o documental A Loita Final, con dobre sesión, o venres en Lugo e o sábado en Ribadeo.

Este proxecto audiovisual é froito do traballo altruísta de Mabel Rivera e Enrique Banet, que ademais de triunfar no mundo do teatro e o cinema, son loitadores incansables a favor da nosa terra mediante a fundación Galicia Verde, que loita por un rural sostible: agricultura ecolóxica, recuperación de sementes tradicionais, corredores verdes (alimentos de proximidade sen intermediarios), …

Esta parella de valentes decidiu que había que trasladar, de xeito resumido e didáctico aos galegos o contido das 180 páxinas do demoledor informe do Consello da Cultura Galega sobre o proxecto de Altri&Greenalia. 

Rematada a reportaxe, están a difundila por toda Galicia e mesmo recentemente puxérona ao dispor de todos na Internet:

Aínda así, merece a pena asistir ás proxeccións, pola ocasión de coñecelos e apoialos, os interesantes coloquios posteriores e tamén para velo en pantalla grande.

Economistas, botánicos, neurobiólogos, antropólogos, xeógrafos e outros expertos explican as nefastas consecuencias que tería a macrocelulosa na economía, a saúde, o medio ambiente e o territorio de Galicia, así como os trucos que se empregan no proxecto para dar aparencia de cumprimento da normativa.

Son profesionais de recoñecido prestixio, que desmontan, un por un, os argumentarios de Altri e a Xunta de Galicia, expoñéndose e enfrontándose ao poder político e económico, o que lles confire unha credibilidade infinitamente superior á dos “técnicos” da Xunta de Galicia, nomeados por libre designación, que non morden a man que lles da de comer.

A intervención de Bruno Dapena, director do proxecto Gama, facendo honra ao seu apelido, resulta bastante penosa, chegando mesmo a dicir que a contaminación “é absorbida completamente pola atmosfera co cal non hai afección”. Non perdades detalle da súa linguaxe corporal, que parece síntoma de nerviosismo por medo a quedar en evidencia, ou ben, pura disonancia cognitiva ao ser consciente de que defende o indefendible.

Un documental necesario, que debería proxectarse en horario de máxima audiencia nas televisións, porque sen información veraz a democracia é só papel mollado e como di Mabel Rivera, se perdemos esta loita, perdémolo país.

#AltriNon

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio