A Xunta denega Anduriña e Zudreiro: vitoria veciñal en Amil

Alegrámonos desta nova e queremos recoñecer publicamente o traballo do movemento veciñal: o Acibal é un exemplo de loita cidadá como poucos 💚, fronte a un abuso continuado da promotora e a un “tapar os ollos” das institucións 👀.

O colectivo Amil Sen Eólicos ven de confirmar que os polígonos eólicos Anduriña e Zudreiro, nos concellos de Moraña, Campo Lameiro, Barro e Pontevedra, foron denegados e arquivados pola Xunta de Galicia.

Ante a desaparición destes proxectos do Rexistro Eólico de Galicia, o colectivo solicitou os informes correspondentes ás autoridades, que confirmaron que os Polígonos Eólicos Anduriña e Zudreiro non poderán construírse.

O PATRIMONIO DO ACIBAL, CLAVE PARA DENEGAR OS PROXECTOS
Os motivos da imposibilidade de construcción detes proxectos responden a un informe desfavorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que destaca a incompatibilidade destes polígonos coa protección e conservación do Patrimonio Arqueolóxico e cultural da zona.

Con respecto a Zudreiro, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considera a súa a construcción:

“incompatible coa protección e a conservación dos valores do patrimonio cultural existente nesa zona” .

Con respecto a Anduriña, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural requeriulle modificacións á empresa promotora:

“[…] conclúese que o estudo de impacto cultural presentado (Anexo 1 do EsIA) non permite realizar unha avaliación de impacto completa e axeitada para a totalidade dos elementos patrimoniais afectados , debéndose ter en conta, a alta potencialidade arqueolóxica desta área. Por tanto, ao obxecto de poder continuar coa tramitación e análise deste expediente, é necesario corrixilo e completalo nos aspectos que deseguido se indican […]”

empresa promotora desistiu do proxecto ao non consideralo viable cos cambios e medidas requeridas, con estas palabras:

O impacto do proxecto polo tanto sería relevante, deixando poucas alternativas á reubicación dos aeroxeradores, entre outras cousas debido tanto ao impacto visual xerado polos mesmos como a afeccións directas a elementos patrimoniais , tal e como se indica no informe arriba mencionado. Tendo en conta o anterior, xunto co resto de informes sectoriais recibidos e tras analizar minuciosamente o emprazamento, descártase a posibilidade de desprazamento dos aeroxeradores e demáis infraestruturas a outras zonas da poligonal.”

O TERCEIRO POLÍGONO NA ZONA, O ACIBAL

Este rexeitamento por afeccións patrimoniais recorda o caso do Polígono Eólico Acibal, que se solapa con Anduriña, e é veciño do Zudreiro e cuxas obras seguen paralizadas cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza.

O colectivo recorda que informaba semanalmente a Patrimonio de novos petróglifos no medio das obras, sendo algúns danados irreversiblemente, sen que se detivesen as obras en ningún momento.

O movemento en defensa do patrimonio do Acibal chegou ata o punto de elaborar o “Manifesto Contra o Espolio dos Nosos Montes e os Seus Bens”, asinado por case 1500 persoas entre os que se atopan centos de personalidades da Cultura Galega.

Neste senso, os informes de Anduriña e Zudreiro evidencian un procedemento rigoroso e coherente coa protección patrimonial, o que permite ao colectivo agardar que no caso do Acibal se adopten finalmente as medidas necesarias para protexer plenamente o patrimonio afectado.

RETIRADA DAS TORRES DE MEDICIÓN

Asociación A.C.I.B.A.L, constituída polso veciños hai un ano, e que ten entre os seus obxectivos a defensa do patrimonio solicitará aos concellos afectados a retirada inmediata das dúas torres de medición “orfas”. Estas torres carecen de sentido unha vez os polígonos non se constrúen e o uso dos datos recollidos e incluso os proxectos de construcción non son transparentes para a cidadanía.

O colectivo continuará traballando para protexer o patrimonio natural e cultural do Acibal e promover un territorio sen proxectos eólicos invasivos, mantendo informada á cidadanía e fomentando a súa participación activa.

Desde Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde reiteramos o noso apoio ao veciñato do Acibal e dos concellos afectados. Defender o patrimonio cultural e natural é unha obriga democrática 🛡️🌿: esiximos transparencia, responsabilidades polos feitos denunciados e a retirada inmediata das torres “orfas”. Seguiremos vixiantes e acompañando a veciñanza para que a lei e o sentido común prevalezan sobre a especulación. ✊📢

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio