⚠️ Están en tramitación tres polígonos eólicos —Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas— que suporían un gravísimo impacto ambiental, social e cultural en varios concellos das provincias de Pontevedra e Ourense.
Este macroproxecto de 184,23 MW, tramitado polo Estado a través da Subdelegación do Goberno en Pontevedra co código PEol-922 AC, contempla:
–40 aeroxeradores de entre 150 e 220 metros de altura.
–3 subestacións eléctricas concentradoras en Morillas (Campo Lameiro), Corredoira (Cerdedo-Cotobade) e Covelo.
-Unha Liña de Alta Tensión de 45,5 km ata Fontefría.
-9 antenas de medición, máis quilómetros de viais, zanxas e circuitos eléctricos.
Onde se situarían?
–A Estrada: parroquias de Codeseda, Souto e Sabucedo.
–Campo Lameiro: Couso, San Miguel do Campo, Muimenta, Morillas e San Isidro.
–Cerdedo-Cotobade: Quireza, Castro, Pedre, Cerdedo, Corredoira, Caroi, Loureiro, Valongo e Aguasantas.
- Tamén afectados pola LAT: A Lama, Fornelos de Montes e Covelo.
Quen está detrás?
O proxecto está promovido polo grupo Atitlan Helios, a través de sociedades pantalla con nomes de dinosaurios (Galveosauros Invest, Dakotaraptor Invest e Fukuiraptor Invest, cada unha con só 3.000 € de capital social). O deseño corre a cargo de Driza, tamén responsable doutros macroproxectos como o *PEol-913 AC.
Que impactos tería?
–A Rapa das Bestas de Sabucedo, Ben de Interese Cultural, veríase gravemente ameazada, pois a maior parte dos aeroxeradores proxéctanse sobre os montes onde viven os cabalos en liberdade.
–Patrimonio cultural: Campo Lameiro e o Val do Lérez albergan unha das maiores concentracións de arte rupestre ao aire libre de Europa.
–Medio ambiente: destrucción de hábitats de interese comunitario e afección a especies vulnerables e en perigo de extinción.
–Poboación local: aeroxeradores de máis de 150 metros situados a menos dun quilómetro de vivendas, con casos extremos como Fornelos e Painceiros (Campo Lameiro), ademais da LAT e subestación na Corredoira (Cerdedo-Cotobade).
Que podemos facer?
-O prazo para presentar alegacións cidadás remata o xoves 28 de agosto.
👉 Deixamos a continuación un modelo de alegación para descarga e presentar a título individual, elaboradas pola Asociación Alarma na Terra de Montes.
Pedimos a máxima participación
Só coa mobilización veciñal podemos frear un proxecto que ameaza a nosa saúde, o noso patrimonio cultural, o noso medio natural e o noso modo de vida.
💚 Defendamos os montes, os ríos, os cabalos de Sabucedo e o noso patrimonio común.

