A Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, di hoxe na Voz de Galicia que “de maneira intencionada se envían determinadas mensaxes de que haberá risco para a saúde, veleno e fume negro” polas emisións á atmosfera, “cando se trata de vapor de auga”… “Con Altri temos que dicir a verdade do que acontece e non dar marcha atrás porque si”
Señora Conselleira, contar só unha parte da verdade é mentir.
Ademais dos problemas que poden xerar os miles de millóns de litros de vapor de auga diarios que van saír pola cheminea “icónica”, irán da man de peores compañeiros como os óxidos de xofre e de nitróxeno, material particulado, … sumando máis de 8 toneladas diarias, o que supón máis de 3.000 toneladas anuais de gases contaminantes.
Esta información consta no informe ambiental presentado por Greenfiber, pero ao mellor Ánxeles Vázquez ignora esta información, igual que descoñecía as verteduras dos 220.000 bidóns de residuos radiactivos fronte ás costas de Galicia.
Subscribimos totalmente os brillantes e irónicos comentarios de FERMÍN SILVEIRAL sobre as declaracións da Conselleira:
Respecto do tema Altri, a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, opina que cómpre dicir a VERDADE do que acontece. Gran acerto!
É ben sabido que os opositores minten moito sobre esta industria cando din que emitirá “veleno” e “fume negro” e que haberá risco para a saúde dos veciños e traballadores. A conselleira afirma que non será así, que esta industria emitirá vapor de auga… Claro que si!
É certo que emitirá diariamente (de media) 16.000.000 de kg de auga á atmosfera, que nos días de friaxe se verán como unha branca nube ou brétema nas inmediacións do Camiño de Santiago a 5 km de Melide, dándolle un plus de misticismo e romanticismo ao transcurso dos peregrinos.
Imaxe de Ence Pontevedra
Quizais haxa xente arrefriada que acuda ata as inmediacións da finca de Quintas para respirar estes vapores de eucalipto tan terapéuticos para a respiración.
Hai xente desinformada coma Sonia Villapol que non recomenda isto (Sonia é unha científica galega -de Bretoña- que investiga e ensina en Estados Unidos, membro do Consello da Cultura Galega). Sonia non fala de “fume negro”, pero di que algúns veciños e traballadores estarán negros cando lles diagnostiquen cancro, enfermidades pulmonares e distrofias do todo tipo pero descoñecerase a súa orixe.
Respirar pequenas doses de óxidos de xofre, de nitróxeno, partículas microscópicas PM2.5 e PM10, sulfuros, furanos, CO2… non creo que sexan prexudiciais. Sonia equivócase: vivir preto da icónica cheminea, respirando os efluvios de eucalipto procesado que emitirá… podería ser unha terapia tan boa coma gozar un ano enteiro no balneario de Mondariz.
Alguén dixo que Altri devolvería ao río a auga máis limpa que cando a colleu… Insisto na idea de que Altri parecerase moito a un macro-balneario. Suxiro facer piscinas de baño no encoro de Portodemouros: Augas termais acondicionadas con 60 toneladas diarias de sales de sulfato, 6 de materia orgánica rica en nutrientes, 1.5 toneladas de sólidos en suspensión (moi bos para a pel), e 450 kg de nitratos e 60 de fosfatos revitalizantes.
Por certo, as augas captadas pola celulosa serán ultra-puras despois de pasalas por un proceso de dobre etapa de ósmose inversa… Poderíanse embotellar! A xente que viva río abaixo verá mellorada a tecnoloxía das súas traídas de auga pois todos terán que poñer prantas de ósmose inversa de dobre etapa para poder bebela.
Progreso para Galicia e terapia integral e gratuíta para os veciños da comarca, ingresos extra pola venda de celulosa soluble e lyocell e postos de traballo para amigos e tal…
Altri si! Altri si! Altri si!

