ALTRIlandia, un mundo de fantasía distópica.

  Tal e como se propón no expediente de declaración de impacto ambiental (DIA), coa finalidade de converter o complexo industrial nun elemento arquitectónico atractivo, pintarase sobre as paredes exteriores das naves e da cheminea imaxes de ríos cristalinos, carballos, castiñeiros, amieiros, santolinas de Melide, magarzas de Barazón, herbas de namorar de Merino e outras especies vexetais protexidas.

Os traballadores da fábrica vestirán obrigatoriamente disfraces de animais como aguiluchos cincentos, sisóns, mexillóns de río, libélulas, auganeiras e demais fauna en perigo de extinción ou ameazada.

Deste xeito compensarase a desaparición e/ou extinción destas especies que provocará a macrocelulosa.

A cheminea, segundo se expón no expediente da DIA tamén pode ser obxecto de usos alternativos por parte da comunidade local, como o curado e afumado de embutidos, para o que se intalará unha plataforma a 80 metros de altura xusto encima da mesma. En substitución da Denominación de Orixe Protexida queixo Arzúa-Ulloa crearase a D.O.P. Chourizo ao óxido de nitróxeno, coas súas correspondentes festas gastronómicas patrocinadas por Altri&Greenalia.

Desde as instalacións esparexerase unha tonelada diaria de perfume floral mediante un difusor industrial, coa finalidade de mitigar os cheiros xerados pola fábrica. O resultado final da combinación cos 9.000 quilos diarios de gases contaminantes será unha mestura entre cheiro a flores e ovos podres. Explicaráselle á poboación que é un matiz natural do cheiro das flores nesa comarca debido a que son regadas coas augas medicinais sulfuradas do balneario de Pambre.

Para favorecer a integración harmoniosa na contorna do ruído da fábrica e dos máis de 900 camións e 500 turismos que recibirá diariamente, instalaranse potentes altofalantes polos que se emitirán cantos de aves como o aguilucho cincento, o sisón común e outras típicas da comarca. Ao converterse no único lugar onde poder velos e oílos, fomentarase o turismo ornitolóxico que dinamizará a economía local.

Cando a incidencia de enfermidades respiratorias, cardiovasculares e cancros comece a incrementarse, explicaráselles aos doentes que é debido á súa predisposición xenética e aos seus malos hábitos. Poida que algúns repliquen que estas enfermidades as están padecendo cada vez mais persoas. Entón Altri&Greenalia encargarán un rigoroso estudo epidemiolóxico que concluirá que hai un xene que predispón a estas patoloxías que é moi prevalente nas comarcas do centro de Galicia, debido á endogamia xerada ao emparellarse durante xeracións entre persoas desas zonas, limitando así a variabilidade xenética. Non tardarán en aceptar que é culpa dos seus antepasados por namorarse dos seus veciños e non viaxar máis para buscar parella. 

Ante a dificultade crecente para cultivar alimentos, debido á forestación das terras agrarias con eucaliptos e os danos por choiva aceda nos cultivos, conforme vaia falecendo a poboación local, para fomentar a soberanía alimentaria repoboarase a Terra do Medio con humanos modificados con xenes de koala, adaptados a dixerir eucalipto, que poderán alimentarse tamén cos residuos do proceso industrial, convertendo deste xeito residuos en recursos, en aras dunha economía circular. 

Altri&Greenalia fornecerá estes residuos a prezos asequibles, motivo polo que será galardoada en varias edicións co Premio de Responsabilidade Social Empresarial da Xunta de Galicia. 

Habitantes doutros lugares de comunidade solicitarán seren editados xeneticamente para así aforrar na cesta da compra. 

Coa adopción destas medidas o complexo industrial semellará un oasis no medio do deserto de minas, eólicos e eucaliptos no que se converterá Galicia, e a poboación aceptará de bo grado a presenza da macrocelulosa sen ningún tipo de resistencia e vivirán felices e comerán eucaliptices.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio