IRMANCIÑAS ARBÓREAS
A Historia e as crónicas da época dinnos que alá polo 1846 Leoncio Parejón director do entón instituto provincial de ensinanza decidiu crear, no coñecido como campo comunal do Posío, un Xardín Botánico, xardín que tiña que ter paseos separados por mirtos e cadros laterais con plantas e flores exóticas. Para levar adiante a súa obra contou coa colaboración dos profesores do instituto liderados polo catedrático de Física, Química e Historia Natural.
Puxéronse a obra e deseñaron un xardín similar aos que por entón xa había nas cidades de referencia na vella Europa, París, Viena, Florencia, Londres… Un parque público con tres espazos integrados harmoniosamente, unha zona de bosque na parte alta con unha boa colección de árbores, na parte central un paseo-alameda coa súa preciosa fonte “exclaustrada” do mosteiro de Oseira, bancos de pedra labrada, sebes… a parte baixa acollería multitude de plantas e flores. Un Xardín Botánico con 250 especies de plantas e máis de 150 árbores!!!
Persoas con coñecemento e visión de futuro fixeron que Ourense contara con un xardín poético e romántico cheo de vexetación diversa e feito con moito agarimo, co seu paseo de palmeiras, unha colección de roseiras, paxareira con aves exóticas e moitas plantas e árbores até entón descoñecidas por estes lares. A mediados do século XIX non era doado atopar tanta biodiversidade, daquelas a referencia era o Botánico de Madrid e alá foron, de volta viñeron cargados con toda variedade de especies cos que crear en Ourense un precioso espazo verde que foi exemplo e envexa durante anos para outras cidades e vilas de Galicia. Persoas que demostraron cultura, sensibilidade, coñecementos, humanidade…
Co paso do tempo o fermoso xardín foi perdendo a súa riqueza botánica inicial, a súa frondosa biodiversidade, aturou medianamente ben até mediados dos anos ointenta do século pasado, mais tanto estrago, falla de coidados e desleixo institucional fixo que paseniñamente o Posío fora esmorecendo e perdendo o esplendor dos seus tempos mozos, formigonado do paseo central, das roseiras pouco queda, as palmeiras morreron porque as deixaron morrer, eliminación de árbores que en máis de cento cincuenta anos nunca estorbaron, plantas secas por falla de coidados…
Debemos recoñecer que en Ourense tamén tivemos persoas que mostraron agarimo e sensibilidade coas árbores e un gran amor pola cidade, como non lembrar ao señor que da nome ao actual instituto de ensinanza secundaria, Ramón Otero Pedrayo, don Ramón ao non ter irmáns adoptou como “irmanciño” ao abeto “Abies pinsapo” , unha árbore plantada no Pazo de Trasalba polos seus pais cando el nacera, o abeto endémico da Serra andaluza de Grazalema acompañou ao “patriarca das letras galegas” dende o seu nacemento até dous anos antes do seu pasamento pois a fermosa árbore faleceu un 5 de febreiro do 1972 de morte violenta debido a unha forte treboada, pode que fose unha sinal, a mediados de abril do 1976 produciuse o pasamento de don Ramón facendo a súa derradeira viaxe por estes mundos até o cemiterio de San Francisco nun cadaleito feito coa madeira do seu amado “irmanciño”.
“Coa morte das árbores tamén os humanos imos morrendo paseniñamente” Despois do maltrato ao longo de moitos anos agora queren converter ao Posío nun espazo sen sombra natural, un parque con zonas duras moito formigón e pouco verde. Para que non se vexa a desfeita puxeron en práctica a máxima de “ollos que non ven corazón que non sente” taparon con plástico todo o perímetro para que non vexamos a execución das árbores e o estrago das poucas plantas que aínda resisten, xa tallaron polo pé unhas 25 árbores algunha delas centenaria, moitas plantiñas que formaban as sebes foron arrincadas ou secan atropeladas polas máquinas ou por falla de coidados, gabias por eiquí e por acolá que arrincan raíces con graves consecuencias para a saúde da vexetación que aínda queda.
O que están facendo co Posío non coincide co proxecto inicial, o compromiso de controlar as obras por un botánico ou arboricultor que velará pola biodiversidade e a boa xestión do patrimonio vivo non se cumpre, tampouco se conta con control por parte de arqueólogos i é bo lembrar co xardín está na zona histórica da cidade…
Un orzamento de 2,6 millóns de diñeiro público investidos ao chou, cartos desbotados en estragar o patrimonio arbóreo e a biodiversidade da cidade. Unha mostra máis na capital das Burgas de brutalidade, insensibilidade, incultura, negacionismo…
Dende Amigas das Árbores lémbranos que a cidade de Ourense incumpre cos consellos da Organización Mundial da Saúde, coas directivas e normativas da Unión Europea, cos obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas, tendo en consideración os consellos destes organismos a cidade tiña que ter máis de 35.000 árbores e máis de un millón de metros cadrados de parques e xardíns, Ourense só ten 8.255 árbores e uns escasos 500.000 metros cadrados de zonas verdes, datos oficiais do Concello ourensán.
“Se perdémolas árbores perdémolo todo” Ourense non pode seguir perdendo espazos verdes, non pode seguir tallando polo pé as poucas árbores adultas que ten.
Dende Amigas das Árbores pedimos perdón publicamente por non ser capaces de convencer aos nosos gobernantes de que están equivocados nas súas políticas medioambientais, perdón por non ser capaces de evitar os arboricidios cotiás que nos empobrecen como sociedade, perdón por non ser quen de evitar tantas desfeitas e estragos do noso patrimonio vivo de máis valor. “Só aquel que coñece as árbores sente o desexo de protexelas” Como fixo don Ramón Otero Pedrayo e fixeron os nosos devanceiros nós tamén témola obriga de coidar das nosas “irmanciñas arbóreas”.
O futuro da cidade ourensán e o futuro da humanidade depende da protección e coidado do patrimonio natural, dos ecosistemas e da biodiversidade. “As árbores non poden vivir sen terra, a Terra non pode vivir sen árbores” “Antela Penalonga” Amigas das Árbores. Ourense, 22 de maio do 2025
BRUTALIDADE: “Falta de xuízo, sensatez ou medida nas accións” definición recollida da RAG.
Brutalidade é o que o Concello de Ourense está facendo co histórico Xardín do Posío. Están estragado o parque-xardín de máis valor da cidade e non valen as advertencias, as concentracións, as manifestacións, o SOS berrado aos catro ventos intentando facer recapacitar a uns gobernantes que nin escoitan, nin fan caso. Un xardín no que, sen xustificación, tallaron polo pé árbores centenarias; no que están esnaquizando as sebes, esmagando plantas coas máquinas, abrindo gabias que rachan as raíces… Están executando a biodiversidade e a vida do Posío. Amigas das Árbores e as asociacións, os veciños e veciñas que queren un “Ourense verde e sustentable” seguiremos coas accións para frear o ecocido cometido contra o patrimonio vivo de máis valor da cidade pois temos claro que outro Ourense é posible, é imprescindible. Grazas pola axuda e solidariedade!!! 🌱🌹🌳














