Mentres non poden votar nin conducir, a Xunta permítelles cazar con armas de fogo… e págallo con cartos públicos.
Unha lei irresponsable, perigosa e regresiva que desprotexe á infancia e ao medio ambiente. 🚫🔫🌱
A recente decisión da Xunta de Galicia de facer gratuítas as licenzas de caza para menores de idade durante cinco anos supón unha das medidas máis descabeladas, imprudentes e socialmente irresponsables aprobadas nos últimos tempos.
Falamos dunha decisión que fomenta o uso de armas de fogo en adolescentes, financiada con fondos públicos, sen ningún procedemento garantista, sen avaliación social nin ambiental, sen informes específicos sobre protección da infancia e sen participación cidadá. Todo isto introducido, ademais, a través dunha lei de acompañamento fiscal, eludindo deliberadamente o debate público. ⚠️📜
Resulta difícil de comprender —e imposible de xustificar— que se permita a menores participar nunha actividade que implica riscos físicos obxectivos, accidentes con vítimas mortais todos os anos, e o manexo de armas, cando ao mesmo tempo non se lles permite conducir, votar ou consumir bebidas enerxéticas. ¿Cal é a lóxica? ❓
A caza non é unha actividade inocua:
🔫 implica violencia institucionalizada contra os animais,
🌿 provoca desequilibrios nos ecosistemas e danos á biodiversidade,
🚶♀️ limita a liberdade das persoas que elixen un uso non violento do monte,
⚖️ e transmite valores de abuso de poder e dominación totalmente incompatibles cunha educación baseada no respecto e na convivencia.
Lonxe de avanzar cara a unha maior protección da infancia e do medio ambiente, esta medida supón unha clara regresión ambiental e social, contraria aos principios de precaución, boa gobernanza e interese superior do menor recollidos na Constitución e na normativa internacional. Mesmo existen advertencias no ámbito das Nacións Unidas sobre os riscos de expoñer persoas menores a actividades con armas e violencia contra animais. 🌍📢
Por todo isto, foi presentada unha queixa formal ante a Valedora do Pobo de Galicia, solicitando que se investigue esta actuación da Xunta, se valore a existencia de mala administración e se emitan as recomendacións oportunas para reverter unha decisión tan perigosa como innecesaria.
Porque protexer á infancia non é darlles armas,
porque educar non é normalizar a violencia,
e porque os cartos públicos deben servir para coidar, non para poñer en risco. 💔💶

