As resolucións xudiciais aclararán se detrás dos cambios forzosos na composición da Sección 3ª do TSXG puideron estar ou non intereses políticos e empresariais.

Segundo un comunicado da Sección Territorial en Galicia de Xuízas e Xuíces para a Democracia, a nova Presidenta da Sala do Contencioso–Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tomou medidas sorprendentes, que non estaban no seu programa de goberno, como decidir o traslado forzoso de dous dos catro maxistrados/as que formaban parte da Sección 3ª.

Trátase dunha medida que xera moitas sospeitas na opinión pública, pois a Sección 3ª ocúpase dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas aos parques eólicos en territorio galego, ás suspensións cautelares da súa construción, e cuestións de contratación administrativa. Ben sabemos que detrás da sobreexplotación eólica existen moitos intereses económicos e que provoca severos impactos ambentais e de todo tipo, que se agravan exponencialmente ao avaliar de forma acumulativa e sinérxica a totalidade de extractivismos (minaría, eucaliptización, macrogranxas, macroindustrias de biogás, biometano, biomasa, hidróxeno verde, centrais hidroeléctricas de bombeo, Alcoa, Altri, Ence en Pontevedra e nas Pontes, etc.) que degradan, contaminan e matan a vida que nos sustenta. Polo tanto, a medida  pode contribuír a empeorar aínda máis a insustentabilidade extrema do sistema económico involucionista imperante, o capitalismo necroterminal.

Chama a atención o insólito traslado forzoso, que non segue o procedemento habitual do cambio de maxistrados/as entre seccións. O normal sería mediante o concurso interno voluntario cando existen vacantes.

Debido a que estes traslados forzosos de maxistrados/as afectan á composición e funcionamento de dúas das catro seccións da Sala, o normal sería consultar previamente aos presidentes/as das seccións e aos maxistrados/as afectados/as. Ademais, adóitase realizar cambios puntuais de xeito individual, non cambiando a metade dos maxistrados/as dunha Sección.

Esta forma de proceder suscita serias dúbidas sobre a intención que está detrás dunha decisión tan discutíbel. Sobre todo, porque a Sección 3ª ocúpase de casos xudiciais que teñen moita transcendencia mediática e social, como son as autorizacións administrativas relativas aos parques eólicos. Por iso, esta Sección 3ª do TSXG foi obxecto constante, durante os últimos meses e anos, de presións mediáticas de determinados responsábeis políticos e empresariais cuestionando, non só as resolucións da Sección 3ª relativas á autorización de parques eólicos, senón tamén a profesionalidade dos maxistrados/as.

Ante esta decisión tan controvertíbel non é descartábel que a cidadanía poida pensar que as reiteradas presións políticas e empresariais están detrás do cambio da composición da Sección 3ª do TSX de Galicia.

A cidadanía tamén pode pensar que non se respectan plenamente os artigos 24.2 e 117.1 da Constitución, nos que se recolle o dereito ao xuíz/a ordinario predeterminado pola lei e se establece a independencia e inamobilidade dos xuíces/as e maxistrados/as, respectivamente. O traslado forzoso e colectivo da metade dos membros da Sección 3ª, nun contexto de presión mediática e política continuado para que a Sección 3ª cambiase o sentido das súas decisións, pode poñer en risco a garantía de inamobilidade xudicial. Esta desconfianza pode levar a pensar á cidadanía que se elixen algúns xuíces/as en función do resultado das resolucións xudiciais que se pretenden obter en determinados litixios.

Así mesmo, este cambio na composición da Sección 3ª do TSX de Galicia pode socavar a actuación independente dos membros do Tribunal, ao resultaren intimidados pola ameaza de traslados forzosos ou doutras posíbeis represalias polo exercicio da función que teñen encomendada constitucionalmente.

Dá moito que pensar que a Sección Territorial en Galicia de Xuízas e Xuíces para a Democracia mostre nun comunicado a súa preocupación polo risco de afectación ás garantías constitucionais de inamobilidade e independencia, e tamén reclame aos órganos gobernativos do poder xudicial un coidadoso e prudente exercicio das facultades que teñen encomendadas.

A imaxe do Tribunal e da súa independencia quedan moi afectadas.

A sustentabilidade (ecolóxica, social e económica) tamén pode verse máis afectada do que desgrazadamente está.

—————————

  • Trasladados forzosamente catro maxistrados do TSXG, que foron criticados polo PP e a patronal tras paralizar parques eólicos. EL PAÍS 2026-03-25
  • JJpD denuncia que a sala contenciosa do TSJ de GALICIA está a trasladar forzosamente catro maxistrados, afectando as garantías de inamobilidade e independencia xudicial. Lawyerpress NEWS
  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aparta o xuíz Villares da sala que xulga os casos dos parques eólicos tras ser sinalado pola patronal e a XuntaGalicia. EL SALTO 2026-03-25
  • Apartan o xuíz Luís Villares da sala do TSXG que xulga as autorizacións ás eólicas e a privatización do Cunqueiro. Nós Diario
  • Acouga denuncia a “ilegalidade” dos traslados dos maxistrados Luís Villares e Dolores López do TSXG. Nós Diario
  • Case todos os autos do TSXG que pararon parques eólicos ditáronse por unanimidade. Nós Diário
  • O xuíz Villares, afastado á forza da sala do TSXG que sentencia sobre eólicos e contratos da Xunta.  Praza Pública
  • Botan ao xuíz Luís Villares e ás súas compañeiras da sala que xulga as eólicas e o Cunqueiro. Galiciapress
  • Forum shopping interno no TSXG: cando un proxecto industrial acaba onde non debería. 21NOTICIAS

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio