Baño desaconsellado en ríos e praias polo apagamento masivo

Dende Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde queremos denunciar a falla de calquera información oficial sobre as noticias publicadas en distintos medios en relación a una suposta recomendación da Xunta de Galicia o día 29/4 de evitar o baño en tódolos ríos e praias do país, segundo as diversas fontes ‘por 24 horas’ e noutras ‘até poder asegurar a calidade dos parámetros físico-químicos das augas’. Noticias semellantes apuntaron a un posíbel verquido masivo da EDAR do Lagares na ría de Vigo e a proibición do baño por parte do Concello de Vigo.

Segundo o xornal GCiencia, a advertencia da Xunta de Galicia foi emitida o dia 29/4 polas contas en redes sociais do goberno galego, mais até o momento non houbo calquer comunicado oficial do propio goberno, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Augas de Galicia ou calquer outro organismo oficial competente. Dende o Concello de Vigo tampouco houbo calquera comunicado oficial por parte da Concelleria de Medio Ambiente, o Laboratorio de control medioambiental ou a empresa FCC-Aqualia, que xestiona o EDAR do Lagares; porén, arestora, a día 1 de maio, carteis do Concello na viguesa praia de Samil desaconsellan o baño.

Consideramos totalmente irresponsábel esta falla de información pública nunha materia que afecta á saúde ambiental e das persoas. É gravísimo que o goberno galego lance advertencias deste tipo a través de canles non oficiais e tres días despois dos feitos sigan sen dar explicaións do sucedido, do estado real das augas das rías e os ríos, da natureza dos riscos ambientais e para a saude das persoas, e das medidas tomadas polas autoridades competentes ao respecto destes riscos, do plans de seguimento e control do estado das augas e das propias instalacións de depuración, se recuperaron ou non a sua funcionalidade, etc.

Queremos saber tamén se os EDAR do país contan con equipos de xeneración eléctrica secundarios para facer fronte a apagamentos eléctricos, sexa por fallas xerais coma o pasado día 28/4 ou mesmo por avarías internas, accidentes, etc., se os procedimentos de calidade e emerxencia previstos funcionaron ou fallaron, se huberon fallas de seguridade, neglixencias e se a Xunta de Galicia ou Concello de Vigo e o resto de institucions afectadas abriran algún tipo de investigación do sucedido.

Desde xa, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde esiximos ás administracións responsábeis da calidade das augas de ríos e costas e e empresas que xestionan os EDAR a debida transparencia para aclarar ás cuestións aquí presentadas, conforme á lexislación vixente en materia ambiental e da saúde pública.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio