Celebramos a boa nova do acollemento do medida cautelar para PARAÑO OESTE, que acaba de sernos comunicada pola procuradora, acordada o 2-09-2024 polo TSXG
Un auto que consta de 29 páxinas e das que sinalamos alguns parágrafos así como a súa parte dispositiva:
“Entende a Sala que a demandante conseguiu acreditar indiciariamente a existencia de elementos ambientais altamente sensibles, ben por estaren catalogados ben por se trataren directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo, sen que as observacións feitas pola codemandada enerven estas consideracións. Ao estaren en espazos directamente afectados polas obras a realizar, resulta evidente o risco de afectación ambiental a estes elementos”.
“A convicción da Sala dos elementos analizados é que estas obras, pola súa propia natureza e a interacción co entorno, son susceptibles de causar un grave dano a valores ambientais sensibles que tendo sido sinalados previamente por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica á DAE, que desaconsella a instalación de novos parques eólicos, e téndose sinalado ademais a presenza de especies vulnerables ou en perigo de extinción, xeran un conxunto de indicios probatorios que, obrando co principio de cautela, consideremos que ante a simple hipótese de que ese dano poda ser de difícil ou imposible reparación -algo que non é posible demostrar cunha proba plena ata que o dano está producido-, optemos por apreciar a concorrencia deste presuposto fundamental da tutela cautelar, que pode facer ineficaz a sentenza que no seu día se dite, se o dano está irremediablemente causado”.
“En sede cautelar debemos descartar, como pretenden as demandadas, que a simple presenza dunha DIA con medidas correctoras dos danos ambientais que con certeza se van producir coas obras, poda constituír base suficiente para permitir a execución do proxecto, unha vez que resultou indiciariamente acreditado que existen elementos sensibles do ecosistema quese van ver afectados de forma relevante (afección a especies de flora ou fauna que están especialmente protexidas por estaren en estado de ameaza ou perigo de extinción)”.
“A conciliación entre crecemento económico e protección do medio ambiente refire a existencia dunha tensión entre ambos conceptos que debe ser resolta de tal modo que se ten que existir unha lesión ao medio, o sacrificio ambiental estea xustificado, resulte proporcionado e en todo caso salvagarde de forma duradeira o recurso natural ambiental para a satisfacción das necesidades das xeracións futuras.
Afondando neste principio, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (LPNB), no seu art. 3.36 define o uso sostible do patrimonio natural como a “utilización dos seus compoñentes dun modo e a un ritmo que non ocasione a súa redución a longo prazo, co cal se manteñen as posibilidades da súa achega á satisfacción das necesidades das xeracións actuais e futuras”
“Finalmente, en relación á normativa europea invocada singularmente pola Administración demandada, por moito que se busque nas pasaxes citadas ou no resto do documento, non se atopará referencia ningunha a que a axilización administrativa se deba producir a costa de relaxar os estándares de protección ambiental, e por esa razón ningunha das directivas ou regulamentos que se invocan no texto son das que constitúen o armazón comunitario ambiental, de onde debemos concluír que nin na letra nin no espírito da normativa se pretenda un retroceso nestas matérias”.
PARTE DISPOSITIVA
Primeiro. Acollemos a solicitude de medida precautoria consistente na suspensión da execución do acto impugnado, a desestimación por silencio administrativo do recurso de alzada interposto contra a resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao proxecto do parque eólico Paraño Oeste, sito nos concellos de Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense) e promovido por Eólica Galenova, S.L.U. (expediente IN661A DXIEM-02/11). DOG Núm. 137, do 19 de xullo de 2023.
Segundo. Impoñemos as custas procesuais causadas neste incidente ás partes codemandadas.
Terceiro-. Dedúzase testemuño da presente resolución e procédase á súa unión aos autos principais.
Cuarto-. Notifíquese esta resolución ás partes interesadas.
A Coruña, 2 de setembro de 2024.
Con este auto , e outros dous donde se acollen as mediadas dos proxectos “Serra da Piñeira“ e “Neboada“ a Asociación Ambiental PETÓN DO LOBO notificados onte, procedemos a actualizar o contador das cautelares conseguidas e denegadas aos diferentes proxectos que afectan a Galicia tramitados pola Xunta quedando así: