Dende a Asociación Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde, congratulámonos de que o esforzo altruísta e voluntario dos membros e colaboradores que a compoñen, así como o bo facer do avogado e da procuradora designados polo Turno de Oficio, contribuíran a que se acollese a cautelar solicitada relativa ao proxecto denominado “Parque Eólico Monte Inxeiro” que afectaría aos Concellos de Ordes e Cerceda, segundo Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de 29/01/2005.
O acordado neste auto notificado, relativo ao acollemento da medida cautelar, entra en vigor e evita que os promotores acometan ou executen obras aproveitando o “impas xudicial”, como viñan actuando noutras ocasións, cun dano evidente e co visto bo da Administración.
Constátanse graves afeccións ao medio ambiente: afección severa á avifauna, afeccións a núcleos de poboación por coincidir con zonas de máxima sensibilidade ambiental, un impacto visual e paisaxístico severo para familias que viven a menos de 1 km dos aeroxeradores. Unha afección ao humidal Encoro de San Cosmade ou Vilasenín, e tamén aos humidais Coviña, Braña da Coviña e Monte Inxeiro polas infraestruturas do polígono.
Por outra banda, hai unha afección ao lobo ibérico e unha afección á ZEC Río Tambre dentro da Rede Natura 2000. O proxecto eólico prevé desenvolverse nunha área xeográfica na que recentemente se autorizaron outros proxectos eólicos, e o estudo de impacto ambiental presentado no seu momento carece dunha análise da necesaria conxunción de proxectos entre si.
Ponse tamén de manifesto como o Goberno da Xunta trata de deslexitimar á sociedade civil en defensa dos intereses comúns e segue autorizando en favor de intereses especuladores privados sen criterios obxectivos e garantistas.
Agardamos que se empecen a respectar as Decisións Xudiciais (tal como demandan doutras administracións) tanto por parte da clase política como por parte dos operadores económicos interesados, e ao mesmo tempo felicitamos á veciñanza, e animamos á cidadanía a sumarse á loita para poder defendernos deste espolio, tan indiscriminado como daniño, loita na que sempre nos atoparemos.


