CONTINÚA A LOITA

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) avala a sentenza do Tribunal Supremo na desestimación da obriga de someter todos os informes sectoriais dos proxectos a consulta pública. Isto significa que os proxectos poden ser aprobados sen que o público en xeral teña acceso a unha información importante no proceso de aprobación.

Estamos, en consecuencia, ante unha vulneración dos dereitos cidadáns en favor dunha precipitada industrialización “verde” que Europa defende como saída ou prevención dunha crise enerxética, acentuada pola guerra en Ucrania, pero que ten moitos aspectos que os cidadáns descoñecen porque forman parte do que chamamos “macroeconomía” ou “xeopolítica”.

Unha vez máis, e coa vulneración do dereito de consulta pública, os grandes poderes económicos marcan a súa influencia no poder xudicial, tal e como cabía esperar, demostrando unha importante eiva democrática nas institucións, de Galiza, estatais e europeas.

Porén, isto non significa unha derrota completa, pois no fondo da cuestión, os proxectos paralizados en Galiza continúan a ter o mesmo problema que determinou a súa paralización: o dano que provocan. 

Un dano que podería ser que estivera reflectido nos propios informes sectoriais e que agora, máis que nunca, a ciudadanía debería coñecer para vixiar que sexan tidos en conta. 

Por outra banda, un aspecto que non se está a prestar moita atención é ao principio de precaución e a todo o que significa. Para facer efectivo este principio é preciso contar con informes técnicos e científicos que determinen a gravidades das afeccións pero isto está directamente relacionado coa capacidade para levar a bo termo estes informes.

¿Con canto persoal conta a Xunta para esta tarefa? ¿Cantos informes están a realizarse ou foron realizados? ¿Ten interese a Xunta en facelos?

Se nos poñemos no caso da eólica terrestre e a súa afección sobre aves e quirópteros, ¿cantos estudos estanse a realizar sobre a mortaldade causada polas hélices? ¿Hai persoal contratado para determinar este dato ou hai videocámaras que vixían as instalacións eólicas que poidan axudar nesta tarefa? ¿Está a Xunta interesada en respectar a biodiversidade ou simplemente en que se poñan máis e máis instalacións eólicas?

As asociacións ecoloxistas deben solicitar que se fagan estes informes mediante traballos de campo, pero non só os relativos aos efectos directos sobre a fauna senón tamén sobre a paisaxe, sobre a economía local e sobre a saúde das persoas. 

Se estes informes non están ou non se coñecen perante o período de alegacións deben ser expostos en outras fases da aprobación dos proxectos, porque na natureza destes informes depende finalmente a devandita aprobación. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) emite un xuízo de valor sobre a exposición pública pero non sobre a inexistencia ou a obriga de existencia destes informes. 

Este é un punto débil que as asociacións ecoloxistas deben aproveitar para continuar coa loita.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio