Desde “Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde”, “Petón do Lobo” e “Cova Crea” e diferentes colectivos veciñais solicitamos ao CCG, o pasado 12 de abril de 2023, un informe acerca da posible afectación ao patrimonio cultural e aos achádegos arqueolóxicos do Monte Acibal. (Amil, Moraña)
Estas mesmas asociacións e colectivos solicitaramos xa con anterioridade a paralización inmediata do parque eólico Acibal, pola súa afectación ao humidal de Brañas do Amil e sobre a masa protexida de auga soterrada Caldas- O Salnés advertindo dunha “grave alteración hidrolóxica” do humidal e dos mananciais de auga potable polas obras para instalar os aeroxeradores.
Advertimos ademais do posible incumprimento das condicións da DIA do parque eólico Acibal. Durante a execución das obras e de construción do parque eólico e o control e seguimento arqueolóxico realizouse de maneira deficiente posto que varios elementos patrimoniais remataron danados.
Constan na hemeroteca declaracións de Francisco Conde, vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía e lndustria, nas que aseguraba que se paralizarían parcialmente as obras do parque eólico Acibal na zona onde apareceron os últimos petróglifos engadindo que se van “respectar os achados arqueolóxicos, do mesmo modo que se está facendo coa totalidade dos proxectos xa aprobados”.
O informe do Consello da Cultura Galega, do que se acompaña unha copia íntegra, ofrece as seguintes
Conclusións:
– A primeira e principal conclusión da análise do proceso de tramitación e execución do parque eólico Acibal refírese á insuficiencia tanto do recoñecemento dos elementos patrimoniais naturais e culturais, como tamén das medidas de protección destes e da paisaxe. Cómpre salientar que non foi posible revisar a información relativa ao expediente do parque eólico, non facilitada pola DXP a pesares de serlle formalmente solicitada.
– A identificación na avaliación ambiental da zona húmida das Brañas de Amil non seguiu a súa inclusión no Inventario de zonas húmidas de Galicia, que tería que realizarse de oficio. De feito, a delimitación e protección destes humidais é imprescindible para a salvagarda do patrimonio natural diante deste tipo de afeccións, igual que é necesaria unha definición e aplicación moito máis esixente e con máis garantías das medidas de protección, que o que se levou a cabo neste parque eólico.
– Estes aspectos son extensibles á caracterización e salvagarda do patrimonio cultural. Cómpre a realización dunha prospección arqueolóxica superficial de toda a área afectada polo proxecto de construción que se estea a avaliar, e do seu contorno inmediato. Esta prospección ten como obxectivo a identificación, catalogación e delimitación dos restos arqueolóxicos conservados, para proceder á súa protección e salvagarda.
– O Catálogo das paisaxes de Galicia propón a identificación dos elementos ou composicións que caracterizan cada ámbito dunha forma máis específica. No caso do parque eólico Acibal esta tarefa non se realizou, nin no Catálogo, nin na avaliación ambiental do ano 2020, nin no planeamento urbanístico que é anterior a este Catálogo. Así, non se identificou a unidade de paisaxe e non se avaliou o grao de impacto dentro da área de aproveitamento eólico sobre os valores paisaxísticos, naturais ou ecolóxicos, culturais ou patrimoniais, e estéticos ou panorámicos considerados de maneira integrada.
– No parque eólico Acibal non se chegou a realizar unha identificación previa á execución do mesmo do patrimonio cultural, nin do arqueolóxico, nin do inmaterial, e cando se fixo no transcurso das obras, todo indica que se xestionaron os elementos como bens illados da paisaxe, do ambiente e do medio social.
– No proceso de información pública non se valorizan as alegacións que responden a un coñecemento directo da cidadanía da paisaxe cultural, coñecemento resultado dunha herdanza de séculos de manexo do territorio.
– A mobilización social das comunidades locais na defensa do seu territorio e do seu patrimonio non ten o seu reflexo no lado da administración. De feito, non se lles recoñece o dereito a ser parte das decisións que afectan aos territorios nos que viven. E aínda máis, non existe transparencia na toma de decisións e non se lles facilita unha información directa, completa, clara e accesible.
– O estudo deste caso pon en evidencia a necesidade urxente dunha avaliación cualitativa das políticas públicas no ámbito do desenvolvemento eólico. Mais tamén da protección da paisaxe, do patrimonio natural e cultural que analice resultados e impactos, enfocando os resultados cara a un mellor e máis integrado deseño destas políticas en Galicia.
– Na avaliación ambiental dos parques débese ter en conta o sinalado en Consello da Cultura Galega (2021) revisando os conceptos e criterios de protección do patrimonio natural, cultural e da paisaxe atendendo ás normas vixentes, establecendo a protección que lles corresponde.
– Cómpre avaliar de maneira conxunta todos os parques eólicos contiguos que comparten infraestruturas comúns, e analizar os seus efectos acumulativos.
– Débese contar coas comunidades locais polo seu coñecemento do territorio, sen negarlles o dereito a ser parte das decisións que afectan á súa relación co territorio que habitan.
Galicia, 4 de agosto de 2023