Apoiamos a manifestación “NO A LA CAZA” do 1 de febreiro e chamamos a defender a vida e a seguridade no rural

A asociación Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde manifestamos o noso rexeitamento frontal á caza e apoiamos a mobilización convocada por NAC o vindeiro 1 de febreiro de 2026, unha protesta en defensa da fauna, do medio rural e da seguridade das persoas fronte a unha práctica violenta e obsoleta.

Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde vimos de facer público un comunicado no que expresamos o noso apoio á manifestación “NO A LA CAZA”, convocada para o 1 de febreiro de 2026, ao considerar imprescindible alzar a voz contra unha actividade que provoca morte, sufrimento animal, deterioro dos ecosistemas e unha crecente inseguridade no medio rural.

COMUNICADO: https://ecoloxistasenaccion.fala.gal/wp-content/uploads/sites/342/2026/01/comunicado-non-a-caza.pdf

Desde a asociación denunciamos que a caza non é unha ferramenta de xestión ambiental, senón unha agresión sistemática á fauna silvestre, que afecta non só ao xabaril, empregado de forma interesada como xustificación, senón tamén a raposos, corzos, lobos, aves e outras especies, incluídas algunhas protexidas ou vulnerables.

A práctica cinexética supón ademais unha ameaza directa para a seguridade das persoas, coa presenza de armas de fogo en montes, camiños, aldeas e espazos públicos, xerando medo, restricións de movemento e riscos reais para sendeiristas, familias, persoas maiores, ciclistas e traballadoras do campo. Os datos de accidentes cinexéticos amosan unha realidade alarmante, con falecementos e persoas feridas cada ano, tanto cazadores como non cazadores.

A actividade da caza privatiza de feito o espazo público rural, converténdoo temporalmente en zonas perigosas e excluíntes, mentres unha minoría impón os seus intereses sobre o dereito colectivo a transitar e vivir o territorio con seguridade. Ademais, denunciamos os reiterados incumprimentos da lexislación ambiental e de seguridade, moitas veces sen control nin sancións efectivas.

Desde Ecoloxistas Galiza defendemos un modelo baseado na convivencia coa fauna, a prevención, a ciencia e o respecto á vida, e rexeitamos a violencia como ferramenta de xestión. Existen alternativas éticas e eficaces á caza que non poñen en risco nin ás persoas nin á biodiversidade, pero seguen a ser ignoradas.

📢 Por todo isto, chamamos á cidadanía a participar na manifestación “NO A LA CAZA” do 1 de febreiro de 2026 e a defender un medio rural vivo, seguro, compartido e libre de violencia.

En Galicia, varias cidades confirmaron xa a súa adhesión á mobilización. As localidades adheridas son:

  • A Coruña📍Obelisco
  • Santiago de Compostela📍Parque da Alameda
  • Vigo📍Rúa Vía Norte con rúa Urzaiz

Os percorridos están aínda pendentes de confirmación definitiva, polo que se anunciarán máis adiante. Máis información en: https://plataformanac.org/manifestacion-2026/

A fauna salvaxe non é un inimigo.
O medio rural non é un campo de batalla.
A natureza non necesita balas.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio