Esiximos a dimisión inmediata do Presidente da Xunta, da conselleira de Medio Ambiente e Medio Rural, tras a desastrosa xestión dos incendios forestais en Galicia.

Os incendios, que afectan de especial maneira ao macizo central, seguen aínda activos e afectaron a zonas moi valiosas da xeografía galega. Practicamente ningunha comarca está a salvo, e en termos xerais, a situación considérase desbordada con centos de focos que se declaran cada día, miles de persoas desaloxadas, casas calcinadas e un patrimonio natural arrasado. Tanto é así que o goberno central ha tido que pedir axuda a Francia para que envíen hidroavións.

E cal é a reacción da Xunta? Simplemente a de culpar aos delincuentes que prenden, sen atender ás causas nin propoñer unha mellora nas precarias condicións dos servizos de extinción da Xunta.
Con todo, as causas non están só na mala fe dos pirómanos. Hai unha pésima xestión do monte en Galicia na que destaca a defensa sen concesións dos eucaliptos e o negocio da madeira por parte do goberno de Alfonso Rueda.
E onde non hai eucaliptos estendeuse unha cultura de odio ao medio ambiente, mediante máximas que tamén defende a Xunta e que lle botan a culpa á propia natureza con ideas tan irracionais como a de que a “limpeza” do monte é a mellor solución.

Desde Ecoloxistas Galiza advirtese que os ecosistemas non poden fragmentarse nin mutilarse sen perder a súa esencia e que calquera intervención duradeira e intensiva tanto por parte da gandería como por maquinaria de roza favorece a erosión e a degradación do chan. Estas ideas, por outra banda, teñen un resultado industrial evidente: fomentar o desenvolvemento de plantas de biocombustible, para as cales tamén é aproveitable a madeira queimada.


Por todo isto, Ecoloxistas Galiza esixe a dimisión do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez e de Medio Rural María José Vázquez.

Exise tamen unha transformación urxente de todo o dispositivo antiincendios, unha desprivatización efectiva, unha dotación real con recursos adaptados ao cambio climático, unha política de concienciación e un plan de restauración que non permita que os desastres que estamos a presenciar volvan ocorrer por mor do negocio que se sitúa detrás deles.
Recortar efectivos e recursos materiais non é o camiño, tampouco o criminalizar a ecoloxistas, o camiño é unha toma de conciencia por parte dos responsables políticos para que exista unha mellor comprensión do medio natural e unha defensa sen concesións da conservación do patrimonio e a biodiversidade, cada vez máis importantes, sen dúbida.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio