Desde Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde apoiamos o proxecto de rehabilitación do edificio da Estación de Autobuses proposto pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental, que inclúe un apeadeiro para buses interurbanos e turísticos, axardinar a zona de dársenas, así como usos comerciais, hostaleiros, culturais, etc.
A reutilización é o segundo piar dunha economía sostible (reducir, reutilizar, reciclar), polo que é imprescindible que se aplique tamén no ámbito da edificación.

Construír e destruír edificios cada poucas décadas é o equivalente a “comprar, usar, tirar” en relación cos bens de consumo: xera toneladas de escombros de difícil ou imposible reutilización, demanda innecesaria de novos materiais e emisións de CO2.
Polo tanto, non ten sentido algún a demolición dunha construción en bo estado, de 6.500 m2, situada nun lugar privilexiado: fronte á Muralla Romana, á beira da Praza Maior e cunha moi boa accesibilidade peonil e mediante transporte urbano.
Do mesmo xeito, dada a existencia dunha alta porcentaxe de vivendas baleiras na cidade de Lugo (máis do 20%), entendemos que se debe priorizar a rehabilitación sobre a concesión de licenzas para construír novas vivendas.
É racional, ecolóxico e económico, polo que calquera sociedade avanzada debería camiñar nesta dirección.
Documento completo da proposta de Lugo Monumental: Ver en Dropbox

