“Muíños de vento. Moito máis do que se ve” (do que nos queren deixar ver)?

“Muíños de vento, moito máis do que se ve” (La Voz de Galicia, 17/04/2025)
Bruno Centelles, voceiro do IEM, de SOS GROBA e membro de ECOLOXISTAS GALICIA ATLÁNTICA E VERDE en resposta a Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA).

Teño que recoñecer que este titular chamou a miña atención. E se, ademais, aparece asinado por Manuel Pazo e publicado por La Voz de Galicia, en xoves santo e en aberto… a proposta é irresistible!

Coincidimos o señor Pazo e máis eu o 15 de decembro de 2021 nun debate sobre enerxía eólica en Galicia organizado por Televigo-Cadena SER e moderado por Marci Varela.
O noso encontro pódese resumir cun claro e rotundo NON é NON!

Ver en Youtube

O programa completo está dispoñible, en dúas partes, na canle de Youtube de TeleVigo:
Ver parte A canle de Youtube de TeleVigo
Ver parte B canle de Youtube de TeleVigo

Os mesmos argumentos e as mesmas mentiras daquel momento aparecen hoxe en La Voz de Galicia. Como se nada tivese cambiado!

Pero como pode este señor falar de “implantación con sumo coidado e respecto pola natureza”, “acordo necesario co concello e cos propietarios dos montes”, “harmonía cos veciños e co territorio”, “favorecendo economías locais”. E aínda lle parecerá boa cousa iso de “abrir accesos, limpar o monte e acondicionar toda a zona , onde ás veces fanse miradoiros e áreas recreativas…”
Estará pensando este señor no PE Serra do IRIBIO, en Triacastela? No PE SASDÓNIGAS, en Mondoñedo?
Talvez no PE ACIBAL, en Moraña?… Estará pensando en NORVENTO?
Estará pensando o sr. Pazo nalgún dos 71 proxectos eólicos cautelarmente suspendidos polo TSXG?
Talvez nos 12 recursos inadmitidos polo Tribunal Supremo?

“Non podemos… non podemos… non podemos…”
Claro que non podemos con tanto cinismo, tanta hipocrisía, tanta mentira e tanta manipulación!.
Non señor Pazo, non! Hoxe sabemos moito máis do que nin vostede nin todos os seus colegas, socios e colaboradores da “trama eólica” chegaron nunca a imaxinar.

“Visión reduccionista baseada na estética” Mestura vostede aeroxeradores con cambio climático, coa dana de Valencia, coa “debacle industrial que supuxo para Galicia a maraña xudicial”

Convídanos o señor Pazo a non confundir o superficial co importante. E que razón ten!. Por esta vez coincidimos  pero…  Que grande desilusión! Por un momento pensei que explicaría o encadeado de leis que, ás costas da cidadanía, a Xunta de Galicia foi publicando ex profeso para favorecer ao sector eólico.

Tampouco fai mención o sr. Pazo ás súas “amizades perigosas” con Feijóo, Conde, Rueda, Figueroa, Vázquez, Mato… e mesmo Sánchez ou Ribera, nin  ás portas xiratorias nin aos suculentos beneficios e recompensas que determinadas persoas reciben co “negocio eólico”, perfectamente comparable ao “negocio fotovoltaico”.
Nada explica, tampouco, da súa eficaz e manipuladora “rede informativa”, encabezada ex aequo por La Voz de Galicia e a CRTVG.

Sábeo moi ben o sr. Pazo. E por un momento pensei que, coincidindo coa Semana Santa, aproveitaría o seu púlpito en La Voz de Galicia para explicarnos o verdadeiro obxectivo da disparatada invasión eólica de Galicia e de toda a “España pobre”: a acumulación da maior cantidade de riqueza e recursos no menor número de mans e no menor tempo posible. O da produción de enerxía eléctrica verde, sostible… é, simplemente, a excusa necesaria, unha consecuencia.
Isto é o que Carlos Taibo define como ECOFASCISMO ou Yanis Varoufakis como TECNOFEUDALISMO.

O sr. Pazo non nolo conta. Cita e mestura intencionadamente moitas ideas e argumentos coa intención de pintar todo de verde (Greenwashing) para impedirnos ver máis alá…

Pero xa é tarde, sr, Pazo. Claro que hai moito máis do que se ve, e moito máis do que nos queren deixar ver, no seu “negocio eólico”.

Para mellor entender a situación é moi recomendable acudir a fontes fiables e ben documentadas. Neste sentido propoño, por exemplo, a lectura de “El futuro de Europa”, de Antonio Turiel, (Capítulo II Soluciones que no funcionan: El mito de la electrificación absoluta. Electricidad y renovables. El hundimiento de la eólica. El incierto futuro de la fotovoltaica).

Pero hai moito máis! Ten razón o señor Pazo. Este tema é moi complexo e poliédrico. Non se resolve cun artigo de opinión en La Voz de Galicia, por máis que sexa en Semana Santa e “en aberto”.

Recomendaría ás persoas interesadas o visionado das diferentes ponencias da xornada “ENERXÍA EÓLICA EN GALICIA. Actualidade e porvir” organizada pola Plataforma TURONIO o 9 de setembro de 2023 na Casa Forestal de Valdarca (Oia)

ou a máis recente sobre “TRANSICIÓN ECOLÓXICA OU ESPECULACIÓN ENERXÉTICA”, organizada por SONDEXEVE e celebrada en Pontevedra o pasado 7 de febreiro.

01. Enerxía eólica en Galicia. Actualidade e porvir.  https://youtu.be/IHE1cY6Xdss?si=6jdwD0wjHszE1nKv
02. Por un novo modelo económico… https://youtu.be/mW6EBMIEfDo?si=vo9BUJ78hT6L36rX
03. Novo paradigma no estudo de proxectos eólicos.  https://youtu.be/EittxzMX9Zs
04. O PSEG. Marco administrativo-xurídico. https://youtu.be/s_SUvyZq6-o?si=17hZaI4FI8kT-xv6
05. Economía das enerxías renovábeis. https://youtu.be/1gxTxnSYuzI?si=K7cO4eDKYGGvs7VS
06. Mobilización cidadá… https://youtu.be/vSdoJvYLVkA?si=Ii_SFa4bAtXD6mYp
07. Do Iribio ao Acibal https://youtu.be/inUiy7UCEJ8?si=1AHqdRd-20vf4cVr
08. A eólica mariña https://youtu.be/LC4Tn8biHmM?si=hIQjOwHcCEnYT71E
09. Mesa redonda e debate https://youtu.be/lQK4oPvb3RM?si=4RZjgp86D195igCP

“TRANSICIÓN ECOLÓXICA ou ESPECULACIÓN ENERXÉTICA”      https://youtu.be/D-R4Bw4XwFM

Bruno Centelles García
Voceiro do Instituto de Estudos Miñoráns e da Plataforma SOS Groba.
Membro de Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde.

Galicia, 17 de abril de 2025

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio