Cada vez que Miguel Tellado abre a boca, sobe o pan. Onte acusou ao Goberno de corrupción por contratar servizos informáticos do estado coa empresa chinesa Huawei, en concreto, unha infraestrutura para realizar escoitas policiais.
Tellado indica que Huawei conseguiu esta prebenda grazas á mediación do lobby Acento, que fundou e actualmente dirixe o ex-ministro socialista Pepe Blanco, e que conta con ilustres membros no seu padrón coma o ex-ministro do PP Alfonso Alonso.
Gran revelación esta que cómpre agradecerlle a M. Tellado. Por que? Tellado apunta cara unha fonte de “presunta corrupción” política que botou raíces fai tempo. Dobre agradecemento, porque a Tellado non lle preocupa pegarse un tiro no pé ao sinalar a Acento, xa que o PP contou e conta con este lobby para sacar adiante moitas das súas “operacións”.

Xa vén de vello. Lembro o episodio de 2011 na gasolineira de Guitiriz, onde Pepe Blanco se reuniu con Jorge Dorribo para resolver “asuntos privados”. Isto sucedeu no marco da operación Campeón, investigación na que Blanco tamén se viu involucrado, e que se centrou na concesión de subvencións a empresas a cambio de comisións a cargos públicos (máis do mesmo).
As últimas “inter-mediacións” nas que se meteu a consultora Acento son de alto calibre. Destacan entre elas a OPA que fixo o BBVA sobre o Banco de Sabadell ou a chegada de Altri co seu proxecto de macro-celulosa a terras da Ulloa.
Resulta curioso que Altri cambiase o emprazamento da súa fábrica -que nun principio ía poñerse na Mariña Lucense, para compensar o posible peche de Alcoa-, a Palas de Rei, o concello natal de Pepe Blanco. Tanto BBVA coma Altri buscaron o apoio de Acento para conseguir os seus propósitos.
A pregunta é: A cambio de que?

Fermín Silveiral

