O Tribunal Supremo rexeita os Recursos de Casación da Xunta e das promotoras

O Tribunal Supremo vén de inadmitir varios dos Recursos de Casación presentados pola Xunta de Galicia e polas promotoras privadas contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Un feito que pon de manifesto a insistencia do Goberno galego en litigar contra a sociedade civil organizada, empregando fondos públicos para defender os intereses de empresas privadas.

Estes recursos están directamente relacionados coa paralización de máis de 70 polígonos eólicos, que supoñen un espolio sen precedentes.

Baixo o pretexto de fomentar a enerxía limpa e o interese xeral, preténdese implantar estes proxectos exclusivamente para o beneficio das promotoras, sen ter en conta o impacto ambiental, social e económico que supoñen para os territorios afectados.

A Xunta, en lugar de asumir as decisións xudiciais previas, optou por presentar recursos para tentar reverter as resolucións do TSXG. Porén, o Tribunal Supremo non só inadmitiu ditos recursos, senón que ademais impuxo a correspondente condena en custas procesuais. Aínda que as cantidades fixadas poidan ser pequenas, o feito en si mesmo é altamente significativo, xa que supón unha nova mostra do malgasto de recursos públicos en defensa de intereses privados.

Este novo revés xudicial reflicte a necesidade dun maior control sobre o uso dos fondos públicos e pon en evidencia a estratexia xurídica da Xunta, que persiste en litigar contra os dereitos da cidadanía organizada.

A sociedade civil e os colectivos implicados saen reforzados con esta decisión, que ratifica a solidez das sentenzas previas e reitera o seu papel fundamental na defensa do ben común fronte a intereses especulativos.

Seguiremos atentos á evolución deste caso e á posible reacción do Goberno galego ante este novo fracaso xudicial.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio