Nacín ao lado dun pequeño e fermoso río que desemboca no Ulla, unido a el como eu á miña nai. Dende nena exerceu unha poderosa atracción sobre min. O meu lugar preferido é unha pequena insua á que hai que cruzar saltando de pedra en pedra. Alí, recostada no tronco dun amieiro e vendo como cae a auga das fervenzas, detense o tempo.
No verán, cando levaba pouca auga subiamos polas ladeiras internas do seu curso con espíritu explorador e con alto risco de escorregar. O can seguíanos ata que un día caeu ao río e nunca mais quixo saber nada destas aventuras.
Con todo tiña moita envexa da miña nai, que naceu ao lado do río grande, o Ulla. Cando iamos á súa casa natal sempre quería baixar ata o Ulla, que me deixaba abraiada coa súa inmensidade, e mais tendo en conta que aínda nunca vira o mar.
Anos mais tarde coñecín a historia da miña familia materna e a importancia do Ulla nas súas vidas. A miña nai e os meus tíos mergullábanse na súa frescura nas tardes de calor, alí aprenderon a nadar e a pesca era moi abundante e un importante complemento na súa dieta, feito que cambiou radicalmente despois da construcción dos encoros nos anos sesenta, cando as anguías e os salmóns desapareceron e as troitas minguaron moito.

O avó da miña nai, coa axuda do resto da familia, encargábase de moer trigo para toda a contorna nun muiño a uns dous quilómetros da casa materna, chegando a moer as vintecatro horas durante varios anos. Durante a posguerra algunhas familias quedaban sen trigo antes da chegada da nova colleita e el proporcionáballes fariña da que recibía como maquía. Algúns pagábanlle despois cando podían, mesmo tras voltar da emigración; outros nunca lle pagaron, pero puideron comer.
A atracción polos ríos, e polo Ulla segue intacta en min, supoño que porque nunca permitín que a miña chegada á idade adulta silenciara a biofilia innata daquela nena. A miña actividade preferida de ocio son os roteiros de sendeirismo á beira dos ríos, e na miña casa está enmarcada unha paisaxe do Ulla.
O son da auga, o musgo subindo polas árbores, esa exuberancia verde que o envolve todo e se reflexa na auga, … os nosos ríos son auténticos paraísos, antidepresivos naturais e gratuítos.
Así que, como non vou defender o Ulla das ameazas que o asexan?, que pensaría meu bisavó se consinto que convirtan nunha cloaca ao río que permitiu comer á miña familia e a outras moitas?

