Danos psicolóxicos
Os sons e escintileos intensos e erráticos dos fogos artificiais causan desde molestias auditivas á maioría, ata sufrimento ao producir medo e nerviosismo que pode chegar a desencadear reaccións de fobia, o cal é moi común en persoas autistas, cans, gatos, cabalos, animais de granxa ou especies silvestres, incrementándose a resposta fóbica coa idade e coa exposición reiterada.
Numerosos estudos indican que os principais causantes do terror son os petardos e os fogos artificiais, ao producirse de maneira impredicible, intermitente e con alta intensidade. Os tronos impactan en menor medida, ao percibirse os sinais de advertencia previas, como os cambios na presión barométrica e na velocidade do vento.
Para as persoas con trastornos do espectro autista a pirotecnia é unha auténtica tortura, xa que necesitan orde e regularidade, perturbándolles os ruídos e berros.
Algúns colectivos de pais de nenos con autismo xa están a facer campaña para que se acoute o uso dos fogos artificiais.
Etólogos e neurobiólogos explican que aos animais non humanos cústalles máis racionalizar a súa ansiedade, polo que experimentan unha forma máis profunda e intensa de terror, similar á tensión post traumática, un trastorno difícil de tratar tamén nos seres humanos.
Danos físicos directos
a) Auditivos
En xeral, o ruído xera malestar físico e psíquico, pero por encima do rango de 75 a 80 decibeis comeza o dano para o oído humano, causando tinnitus, acúfenos e perda irreversible de audición. As explosións de fogos artificiais poden emitir sons de ata 190 decibeis, superior ao dos disparos (140 decibeis) e o dalgúns avións (100 decibeis). E o oído da maioría dos animais non humanos é considerablemente máis sensible, polo que a molestia e o dano auditivo vese incrementado. Por exemplo, a capacidade auditiva humana é só un terzo da dos cans.
b) Queimaduras, lesións nos ollos, accidentes mortais ou mutilaciones por manipulación directa ou proximidade ao lugar de detonación.
Nas festas partronais das aldeas e parroquias galegas é habitual a detonación por non profesionais aínda estando prohibido, o que incrementa exponencialmente o risco de accidentes. A maioría coñecemos a alguén lesionado ou mutilado por este motivo.
c) A contaminación do aire que xeran favorece o inicio ou empeoramento de enfermidades respiratorias como a asma, cardíacas, e outras patoloxías.
d) Despois das exhibicións de fogos artificiais increméntanse as convulsións en pacientes epiléticos.
Danos físicos indirectos (derivados da reacción ante o medo e/ou fobia)
Existe evidencia de que o ruído dos fogos artificiais agrava os trastornos nerviosos preexistentes.
As persoas con trastornos do espectro autista a miúdo desenvolven condutas estereotipadas, repetitivas e agresivas, podendo chegar mesmo a autolesionarse ou presentar convulsións.
Ademais do dano emocional, a reacción de pánico cego tamén provoca comportamentos descontrolados de fuxida en moitas especies que ocasionan extravíos, lesións, feridas e traumatismos por golpes, caídas desde grandes alturas e atropelos, e mesmo mortes por paro cardíaco, como lle sucedeu á cadela dunha veciña.
Estímase que a quinta parte de desaparicións de animais de compañía débense a sons moi fortes.
Segundo unha enquisa realizada a veterinarios en Inglaterra e Gales en 2001, 4.825 animais foron tratados por lesións relacionadas con fogos artificiais e/ou necesitaron sedantes.

Incluso os cans guía, adestrados e preparados para saber reaccionar ante todo tipo de estímulos, poden ser incapaces de axudar aos seus responsables por este motivo.
Os cabalos, na súa condición de herbívoros a mercé dos depredadores, están en estado de alerta constante. Un 79% experimenta ansiedade a causa dos petardos e fogos artificiais e un 26% sofre lesións tratando de saltar valados e fuxindo cara a zonas onde poden ser atropelados.
O Dr. Ian Duncan, etólogo da Universidade de Guelph, demostrou que as galiñas poñedeiras, ao día seguinte dunha explosión de fogos artificiais, reducen drasticamente a posta de ovos e estes mostran malformacións con maior frecuencia.
Os sons moi fortes tamén prexudican en gran medida á fauna silvestre. Numerosos estudos informan de fuxidas masivas, permanentes ou temporais dos seus hábitats, que desgastan a súa enerxía, reducen o tempo de alimentación e tradúcense nun peso corporal inferior e menor taxa de supervivencia.
En ocasións os fogos artificiais matan a un gran número de aves, como en Beebe, Arkansas en 2011 e 2012, onde morreron miles de merlos despois de Aninovo. Na súa frenética fuxida a miúdo estrélanse contra edificios ou transformadores.
Os ruídos extremos son incompatibles coa crianza de boa parte da fauna silvestre, e moi particularmente das aves, o cal se agrava ao coincidir moito festas populares coa etapa de crianza, polo que, aterrorizadas, abandonan o niño, deixan de incubar os ovos ou abandonan os pitos, que morren de fame, frío ou por depredación.

Así o reflicte a gravación rexistrada nunha zona ZEPA (de especial protección para as aves)! polo prestixioso naturalista Anxo Febreiro, nun niño de estorniños negros:
https://www.libertaddigital.com/opinion/2025-07-06/miguel-del-pino-san-pedro-y-las-aves-7273611
Un estudo da Universidade de Alacante e Valencia constata que a poboación de gorrións xuvenís é menor nas poboacións con festas durante a época de cría.
Non foron suficientemente avaliados os danos orixinados na fauna invertebrada e outras especies de pequeno tamaño, pero é moi probable que sexan mesmo maiores polo seu menor tamaño corporal.
Maltrato animal
Todos os efectos relacionados ata o de agora, noutras situacións, poderían ser denunciados como malos tratos e de feito sono, pero ademais, ano tras ano prodúcense actos delituosos que causan graves feridas ou a morte a moitos animais non humanos ao lanzarlles petardos de forma intencionada, constituíndo un tipo agravado do delito de malos tratos animais (artigo 337 do Código penal).
Contaminación
A pirotecnia emite substancias químicas nocivas que pasan factura ao medioambiente e ás persoas, tanto nas zonas próximas, como en localizacións relativamente afastadas, por efecto do vento.
Provocan un aumento da contaminación atmosférica empeorando a calidade do aire nas horas posteriores con material particulado, metais e dióxido de xofre. Estas substancias tóxicas, ademais de penetrar nos nosos corpos a través da respiración, deposítanse na terra e as masas de auga, prexudicando a longo prazo a todos os seres vivos.
Ao anterior engádese que adoitan fabricarse e envolverse con plástico e deixan restos que poden ser inxeridos polos animais e descompoñerse en microplásticos , revelando un estudo que os fogos artificiais de Aninovo en Londres provocaron un aumento inmediato de microplásticos.
Incendios
A pirotecnia e os globos dos desexos representan un risco de incendio, especialmente ao utilizarse con maior frecuencia nas estacións máis secas, cando a vexetación é altamente combustible.

Alternativas
– Suxeriuse como solución administrar drogas tranquilizantes a persoas vulnerables e animais domésticos, pero, por unha banda, estes medicamentos non son inocuos e, por outro, deixariamos de lado á maioría: cans e gatos da rúa, animais de granxa e fauna salvaxe.
– Tamén se propuxo delimitar o uso de petardos en días, horarios e localizacións moi concretas reducindo así os impactos que xera o seu uso prolongado e en distintas localizacións.
Esta medida podería ser un primeiro paso, pero a única realmente satisfactoria consiste en rexeitar o uso da pirotecnia convencional.
– As administracións deben facer cumprir de maneira estrita as normativas que prohiben o uso de pirotecnia por parte de particulares.

Aínda que o uso de petardos na vía pública está prohibido na gran maioría das ordenanzas municipais, o seu emprego por parte de particulares, a miúdo menores de idade, continúa sendo habitual.
– Os concellos e as comisións de festas deberían limitar o máximo o emprego de pirotecnia convencional e proceder á súa substitución por fogos artificiais silenciosos (como xa se fai en cidades como a italiana Cohechio, con gran aceptación popular) ou espectáculos de luz láser e son moderado que non prexudiquen aos animais non humanos nin á poboación humana vulnerable.
– Como esta substitución podería ser demasiado lenta, as autoridades competentes deben ditar normas de obrigado cumprimento que prohiban a pirotecnia convencional.
Na sociedade do ruído na que vivimos, moitos agradeceremos a eliminación de polo menos algunha das agresións acústicas que sufrimos. En pleno século XXI non é admisible que para que uns se divirtan, outros sintamos dende molestias a ataques de pánico. Se existen opcións máis respectuosas, deberiamos adoptalas cando antes.
“O uso de fogos artificiais preto de animais é cruel e inhumano” (e engadimos: preto de persoas tamén).
Louise Thompson, acreditada consultora en comportamento animal.
Fontes:
Informe técnico veterinario sobre los efectos de la pirotecnia en animales
https://www.abogacia.es/publicaciones/blogs/blog-de-derecho-de-los-animales/animales-y-pirotecnia
Cómo daña la pirotecnia a los animales
https://www.libertaddigital.com/opinion/2025-07-06/miguel-del-pino-san-pedro-y-las-aves-7273611
Expertos advierten por riesgos de incendios asociados a globos de los deseos (Valparaíso Informa)

