Presentación: “GUIA DAS PLANTAS DE GALICIA”

Autor: Xosé Ramón García, botánico, catedrático de ensino medio e membro da xunta de goberno do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM)

O pasado venres, 9 de febreiro, tivo lugar a presentación da “Guía das plantas de Galicia” de Xosé Ramón García.
O acto, presentado por Xilberte Manso, vicedirector do IEM, e Fran Alonso, director de Xerais, desenvolveuse na Aula de Cultura Ponte de Rosas, local do IEM en Gondomar.

A “Guía das plantas de Galicia”, do botánico Xosé Ramón García, é un instrumento imprescindible para o coñecemento básico da actual flora do noso país. A partir dunha terminoloxía sinxela, permítenos a determinación polo miúdo das especies que os estudosos e afeccionados poden atopar nas saídas ao campo ou nos paseos pola súa contorna.

O libro comeza cunha introdución xeral que trata da recolección, preparación e conservación das plantas, nomenclatura botánica, posibilidades que ofrece Internet e xeoloxía de Galicia. Contémplase a normativa legal actualizada sobre protección dos hábitats naturais e a listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, que inclúe o “Catálogo galego de especies ameazadas”, así como o “Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España”. Ademais, en cada especie tratada indícase a categoría con que pode estar no devandito catálogo, así como a posible consideración de invasora pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Logo, aborda a obra as claves que permiten a determinación ata o nivel de especie ou subespecie, para entrar nas fichas descritivas dos 1715 taxons (a maioría dos que en Galicia existen), indicándose o nome considerado correcto, sinónimos máis habituais, nomes populares en galego, castelán e inglés, descrición -con especial atención ás características que teñen valor diferencial-, hábitats máis habituais e fenoloxía da floración.

A “Guía das plantas de Galicia” contén, ademais, 1493 fotografías que ilustran o aspecto xeral da planta ou aspectos relevantes para a súa identificación, así como outro tipo de iconas nos casos que se consideran oportunos.

A obra remata cun vocabulario en que se glosan os termos empregados, unha bibliografía básica e un completo índice alfabético.

GUIA DAS PLANTAS DE GALICIA