No día de onte tivo lugar en Santiago de Compostela, a presentación oficial do Encontro Burla Verde e das actividades que nas vindeiras semanas se van a desenrolar como parte do programa oficial.
A presentación correu o cargo das asociacións: Rapa das Bestas de Sabucedo, SOS Suído Seixo, Colectivo do Vento, Asociación Veciñal e Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes e A de Rousmeri Caroi, no seu papel de organizadores e anfitrións nesta primeira edición do Encontro Burla Verde.
Nunha primeira parte trasladouse a motivación do certame, dando lectura ao seguinte:
“O que nos xunta é a vontade de coidar, conservar e defender a terra do afán ecocida das eléctricas e das mineiras. A responsabilidade como pobo de conservar a vida fronte a especulación mafiosa das multinacionais da devastación.
Queremos encontrarnos con todos os colectivos, asociacións, artistas e xente que se moveu e move pola defensa da terra, queremos que a Burla Verde festexe a irmandade do ben común que nos
vincula: a terra, o patrimonio material e inmaterial e a biodiversidade.
Dende a sociedade reivindicamos unha transición enerxética real baseada na redución do consumo, no decrecemento e na priorización da biodiversidade e a conservación do entorno. Unha transición na que se teña en conta a voz de quen habita os lugares.
O 1 de Febreiro do 2003 o pobo galego xuntábase nunha mobilización cultural a prol do movemento Nunca Máis. Nacía a Plataforma contra a Burla Negra como ferramenta de protesta dende o sector cultural.
Hoxe, ás portas do segundo cuarto do século 21, dende as montañas ao mar, o territorio galego e as súas habitantes, O 29 de Abril do 2023 xuntarémonos nun grande encontro nacional en Sabucedo (A Estrada) contra esta gran burla verde, contra a estafa da transición enerxética, contra a depredación dos nosos montes e ríos, pola defensa da terra e da vida. Unha xuntanza de convivio, loita e festexo á que estades todas convidadas”
Posteriormente fíxose público o calendario de actividades a desenrolar nas semanas previas.
Para cada unha de estas accións, se enviará a correspondente nota de prensa con máis detalles.
Posteriormente pasou a detallarse o programa festivo-formativo-reivindicativo coas diversas actividades do propio día do Encontro Burla Verde.
Entre as principais actividades destacan a medio día a misa de romaxe para dar a benvida aos asistentes antes de proceder a sesión vermú e o xantar de confraternidade no que se disporá de carpa con polbo e tamén de food trucks .
Xa pola tarde terán lugar diversas mesas redondas onde abarcar desde diversas perspectivas a actual situación de asoballamento das eólicas tanto no mar coma na montaña e as mineiras.
En paralelo celebraranse espectáculos varios o longo da tarde para todas as ideades. Exposicións
fotográficas, concertos, teatro, conta contos,…
E o prato forte terá lugar as 21h co Curro-Cabaré que se celebrará no curro de Sabucedo con xente do mundo da cultura.
Durante toda a xornada, as asociacións e colectivos participantes disporán de espazos propios (pendellos) para expoñer as súas loitas e proxectos.
Iván Sanmartín da Asociación Rapa das Bestas sinaou que para o pobo de Sabucedo é un orgullo ser anfitrión desta primeira edición do encontro. Tamén avanzou que se disporá dunha zona de acampada.
Son numerosos os artistas confirmados nos diferentes concertos e que en vindeiras datas se irán facendo públicos, como adianto dende a organización confirmou a presenza de: Mounqup, O Rabelo, Sonoro Maxin, Garcia Mc, Toma de Terra, O Leo de Matamá, Maria Lado e Lucia Aldao, Guadi Galego, Xoan Curiel, Uxía Senlle, Xurxo Souto, Jasper, Isabel Risco, NOGA, Aloumiños do Bosque, Peter Punk e Anxo Moure.
Entre os colectivos que apoian e colaboran atópanse: Arente do Chan, Mina Touro O Pino Non, Adega Vigo, Ecoloxistas en Acción, Comuneiros do Cha Ferrol, Fundación Monteescola, Eólicos no Morrazo NON, Liceo Mutante, Asociación Socioeducativa Aloumiños no Bosque…
A listaxe completa subirase as RRSS do evento e tamén se irá incorporando toda a información de actividades previas e do propio encontro.
As RRSS son: https://www.facebook.com/EncontroBurlaVerde en facebook e
https://www.instagram.com/burlaverde/ en isntagram.
ORGANIZACIÓN ENCONTRO BURLA VERDE.
encontroburlaverde@gmail.com