Resposta a artigo do El País E Cinco Días

artigo-el-pais
“Más de 60 parques eólicos paralizados en Galicia: protestas sociales, sentencias polémicas y leyes controvertidas”
(EL PAÍS, 07/05/2025)
“Sentencias judiciales y protestas sociales paralizan más de 60 parques eólicos en Galicia”
(CiINCO DÍAS, 07/05/2025)


A/A de D. Miguel Angel Medina.

O GRUPO PRISAa través de EL PAÍS, a súa cabeceira progre, e a través de CINCO DÍAS, o seu xornal sepia para progres que ademais saben de economía e finanzas, neste artigo asinado por Miguel Angel Medina e publicado simultaneamente neses dous xornais o pasado martes, 7 de xaneiro, “informa” aos seus lectores e lectoras da actualidade eólica en Galicia…
Non queda moi claro se é unha cuestión de mala intención ou de falla de rigor xornalístico pero, vindo de quen ven, máis parece o primeiro que o segundo deses supostos.

En calquera caso resultan imprescindibles algunhas aclaracións e comentarios.

“…más de 60 grandes proyectos paralizados por decisiones judiciales polémicas”.

Sentenzas xudiciais polémicas?
Os pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nos que a Sala Terceira da máis alta instancia xudicial de Galicia dá conta das súas resolucións paralizando cautelarmente -ou non paralizando- o proceso de construción de determinados proxectos industriais eólicos de Galicia non son sentenzas. Son un elo máis do longo e farragoso historial deses fraudulentos proxectos deseñados polas súas promotoras e alentados pola Xunta de Galicia que, unha vez esgotada a vía administrativa, chegan á vía xudicial -á Sala Terceira do TSXG- baixo a forma de demandas contencioso-administrativas.
Cada unha das demandas presentadas supón no seu proceso de preparación un inxente traballo de investigación e documentación impecablemente artellado desde o punto de vista técnico-xurídico para que, logo de ser admitido a trámite, obteña os resultados que se pretenden.
O primeiro paso, á vista dos argumentos que en cada caso se expoñen, é a paralización cautelar do proxecto. Para a sentenza definitiva haberá aínda que agardar un tempo.

“… este freno a la energía limpia se produce en medio de una oposición vecinal y ecologista que protesta con ímpetu ante la instalación de aerogeneradores y denuncia decenas de proyectos , mientras una sala del Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emite sentencias contrarias al criterio del resto de tribunales españoles”


A Sala Terceira do TSXG non “emite sentencias contrarias ao criterio do resto de tribunais españois”.
Como queda xa explicado no punto anterior, A Sala Terceira do TSXG resolve paralizar cautelarmente proxectos concretos denunciados por vía contencioso-administrativa. Cada un destes contenciosos presentados ten as súas características propias e, desde o punto de vista da técnica xurídica, as súas propias singularidades. Nin o TSXG concede todas as medidas cautelares que se lle solicitan nin as organizacións que obtiveron paralizacións cautelares en Galicia presentaron demandas similares en contra doutros proxectos eólicos radicados fóra de Galicia diante “do resto de tribunais españois”.
Non son situacións comparables nin moito menos extrapolables.
O TSXG non está en contra do resto de tribunais españois!

“La entidad (Eólica Así Non) que aglutina a 200 plataformas ecologistas y vecinales que han denunciado alrededor de 30 proyectos…”


Esta plataforma, “Eólica Así Non” denunciou 28 proxectos…
E se o TSXG resolveu 67… de onde saíron os outros 39?
Non se lle ocorreu investigar este asunto, señor Medina?

E dos 64 proxectos eólicos paralizados en Galicia, cantos deles entran neses 28 presentados por “Eólica Así Non”? A resposta é ridícula. Non chegan á media ducia!
O resto de paralizacións cautelares, arredor de 60, respostan a demandas presentadas por pequenas organizacións e colectivos como “Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde” ou “Petón do Lobo” que, no sesudo artigo que nos ocupa, nin se mencionan.
Se nalgún momento o señor Medina decidise investigar minimamente sobre “Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde” deberá ir cun pouco de atención porque non convén confundir nin mesturar esta organización coa que representa Cristóbal López. A “Federación Galega de Ecoloxistas en Acción”, porqueesa é a denominación correcta rexistrada polo colectivo ao que o sr. López representa,aínda que de xeito ilegal e oportunista teña usurpado a de “Ecoloxistas en Acción Galiza”. E non consta que a organización do sr. López teña presentado ningunha demanda no TSXG en contra de ningún proxecto eólico.

“Muchas de estas denuncias han llegado a la Sala de lo Contencioso-administrativo del TSXG…”


Non son “moitas”. Son TODAS!. Porque, unha vez esgotada a vía administrativa -e só a partir dese momento- ábrese a vía xudicial e todas elas chegan á Sala Terceira do TSXG, que é a que entende dos asuntos da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, actualmente dirixida por Mª Xesús Lorenzana e ata hai ben pouco por Francisco Conde.
Probablemente sexa por iso que, a partir da recente remodelación do goberno galego feita polo sr. Rueda, os “asuntos eólicos” corresponden á Consellería de Medio Ambiente, agora “capitaneada” por Ángeles Vázquez e antes por Beatriz Mato, actualmente no consello de dirección de Greenalia. Os contenciosos sobre medio ambiente chegarán agora á Sala Segunda do TSXG e non á Terceira.
Coincidencia? Casualidade?

“…la Sala de lo Contencioso-administrativo del TSXG…”, que ha frenado decenas de proyectos que ya habían pasado un proceso de evaluación ambiental e incluso tenían autorización para iniciar la construcción…”


Pois claro que todos eses proxectos denunciados diante do TSXG pasaron un proceso de avaliación ambiental con resultado favorable (DIA favorable) e obtiveron os correspondentes permisos administrativos e de construción. Pois claro!
E non so iso. Contra esas resolucións administrativas da Xunta de Galicia autorizando a construción mediante a súa publicación no DOG foron presentados os correspondentes Recursos de Alzada. Normalmente a Xunta de Galicia desatende estes recursos e simplemente non os resolve.
Unha vez rematados os prazos legais sen resposta, e unicamente a partir dese momento, esgotada a vía administrativa, ábrese a posibilidade da vía xudicial coa presentación da correspondente demanda contencioso-administrativa que, en asuntos da Consellería de Industria, será resolta pola Sala Terceira do TSXG.

“La Xunta y el sector elevan los parques paralizados a más de 70, aunque pueden deberse a otras causas”
“Se puede parar un proyecto o incluso varios porque no reúnen las condiciones ambientales necesarias, pero hacerlo con más de 60 a la vez ya tiene un componente de prejuicio previo”


Cando se fala de “prexuízo previo” estase poñendo en dúbida, desde as privilexiadas tribunas de “EL PAÍS” e “CINCO DÍAS”, a independencia do Poder Xudicial, a profesionalidade do TSXG, a imparcialidade da súa Sala Terceira e mesmo a integridade persoal dos maxistrados e maxistradas que a compoñen.
Avala esta posición o “Grupo PRISA”?

E non se lle ocorre pensar ao señor Medina, como xornalista experto nestes temas, que igual -e digo “igual” no sentido de “probablemente”- o que hai é unha auténtica trama de corrupción, ilegalidade e manipulación informativa da que son parte fundamental promotores, lexisladores e informadores?
Estáselles “escapando” desa rede delictiva a Sala Terceira do TSXG?
A ver se vai ser iso!

Fai vostede parte, señor Medina, e fai parte PRISA dese “Grupo Armado Organizado para Delinquir”?

“El TSXG lleva una temporada poniendo palos en la rueda al desarrollo de los parques eólicos”
“El TSXG entiende que hay un fallo de forma en la tramitación…”
“Esto supondría impugnar la Ley 21/2013 de Evaluación Ambiental, basada en una directiva europea, que no exige ese requisito” “Los tribunales superiores de otras comunidades, como Andalucía y Madrid, no han seguido esta interpretación, y tampoco lo ha hecho el Tribunal Supremo”


A referencia europea en cuestións de acceso á información e participación en cuestións medioambientais é o Convenio de Aarhus asinado o 25/06/1998 e ratificado en España coa publicación do correspondente instrumento no BOE de 16/02/2005. É precisamente o Convenio de Aarhus, de obrigado cumprimento en toda a UE, o que establece eses requisitos.
Como xa quedou explicado, nin os proxectos industriais eólicos doutros trerritorios son os mesmos que os galegos nin as organizacións demandantes en Galicia teñen presentado demandas contra outros proxectos fóra de Galicia.
Descoñecemos as particularidades deses proxectos e descoñecemos tamén os detalles técnicos da elaboración e factura das demandas presentadas.
Non son proxectos nin demandas comparables. E, por suposto, non son equiparables.

“Tribunales superiores doutras comunidades, como Andalucía e Madrid…”

Outros Tribunais Superiores de estado español resolven asuntos do seu territorio. Nin os proxectos de Galicia se discuten fóra nin os proxectos de fóra de Galicia son discutidos polo TSXG.
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid non entende de proxectos eólicos porque nesa comunidade autónoma non hai -e non vai a haber- nin un só proxecto eólico!
Sorprende este dato e compriría investigar as causas polas que esa comunidade autónoma, con diferencia o maior sumidoiro de enerxía eléctrica de todo o estado español, é “territorio libre de eólicos”.
Investigue vostede, señor Medina, e xa logo nolo conta.

“Tanto la Xunta como el Ministerio para la Transición Ecológica se han personado ante el TJUE para defender lo contrario que el TSXG”


Non!. Non é así.

O TSXG non defende nada diante do Tribunal de Xustiza da Union Europea. O TSXG, entendendo que tanto a lei estatal como a autonómica galega poderían non ter trasposto adecuadamente a norma europea solicita ao TSXUE que se pronuncie ao respecto.

A Xunta de Galicia do sr. Rueda e as señoras Lorenzana e Vázquez e máis o Ministerio para a Transición Ecolóxica -non convén esquecer que tamén o é para o “Reto Demográfico”– que no goberno de Pedro Sánchez dirixía Teresa Ribera, recurren ao TSXUE defendendo o espolio que supón a esaxerada, desmedida e ilegal promoción eólica en Galicia fronte aos argumentos da cidadanía documentados en sede xudicial.
Dá que pensar. Dá moito que pensar!

“Aunque el Ejecutivo de Alfonso Rueda (PP) quiere impulsar esta energía renovable en el territorio, acaba de aprobar una norma muy polémica para los parques existentes”
“…la nueva Ley de Recursos Naturales (Lei 2/2024 de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan os Recursos Naturais de Galicia) -aprobada en noviembre- obliga a los promotores a vender el 50% de la energía a consumidores gallegos y a repotenciar los parques eólicos con más de 25 años de antigüedad”


Pero como que “norma moi polémica”! Non hai polémica. É unha verdadeira cortina de fume!

Non se fala no artigo de como todo o encadeado normativo que, xa desde a época do sr. Fraga, durante toda a etapa do sr. Feijóo e agora co sr. Rueda á fronte da Xunta de Galicia, foi corrixindo erros, acomodando o escenario e mudando “pequenos detalles” para o mellor beneficio da “Trama Eólica”.
Unha das máis claras trampas destes gobernos da Xunta é a de introducir, ano tras ano, importantes e moi transcendentes modificacións normativas pola coñecidísima vía da “Lei de Acompañamento aos Orzamentos de Galicia”. Para este ano recollidas na Lei 5/2024 de 27 de decembro, DOG 31/12/2024 .
Nesta Lei 5/2024 recóllense certas “obrigas” e tamén evidentes avantaxes para as empresas promotoras dos proxectos eólicos cautelarmente paralizados polo TSXG, entre elas a posibilidade de “retramitación exprés” deses proxectos con arreglo á nova normativa recentemente aprobada, entre outras as xa citadas Leis 2/2024 e 5/2024.
Deste último asunto non se fala no artigo do sr. Medina.
Ímonos entendendo xa ou aínda non?

“Los primeros ejemplos en España muestran que sustituir aerogeneradores antiguos pemite reducir su número por seis… y producir más energía”


Por suposto!
Se hai 25 anos a tecnoloxía do momento instalaba “xigantes” de 50 metros, con pás de entre 15 e 20 metros e potencias de 0,3, 0,5, 07 e ata 1 MW, hoxe proxéctanse máquinas de máis de 200 m de altura, con pás de máis de 80 metros e potencias de entre 4 e 7MW!
A conta é ben doada de facer. Unha máquina actual é, como pouco, seis veces máis potente que una daquelas de hai 25 anos. Nalgún caso pode chegar a multiplicar por 20 a potencia unitaria (de 0,3MW a 6MW).

Queda clara a diferencia entre as máquinas actuais e as máis antigas… si. É unha simple cuestión aritmética e de datos!


Pero como que producir máis enerxía?

Non é posible, dentro do concepto “repotenciación”, aumentar a potencia conxunta dun parque eólico.
Se, por exemplo, con 40 máquinas de 1MW unha instalación industrial eólica tiña unha potencia total de 40 MW a “repotenciación” dese parque non pode superar esa barreira, así que poderá instalar, por exemplo 7 máquinas: 5 de 6MW e outras dúas de 5MW. 7 fronte a 40 pero sempre sen sobrepasar a potencia inicial!

Outra cuestión é a trampa que encerra o “palabro”. Non existe a repotenciación!
O que en realidade se agocha tras esta fraudulenta práctica é o desenvolvemento e posta en marcha dun novo proxecto industrial eólico que o único que aproveita do anterior é o seu nome comercial, a súa poligonal e, moi malamente, a súa subestación e a súa liña de evacuación e conexión coa REE.
Non son aproveitables as zapatas de sustentación para os novos e monstruosos aeroxeradores. Cómpren novas estruturas de apoio para semellantes moles. Non son tampouco aproveitables os postes, nin as góndolas nin os rotores… As diminutas pás daqueles diminutos e obsoletos aeroxeradores tampouco son aproveitables. Nin tampouco as torres anemométricas que controlan o funcionamento do parque, nin as conexións entre elementos no seu tempo deseñadas -por trazado e sección de condutores- para transportar producións eléctricas moito menos potentes…
Tampouco serán de utilidade os actuais viais para o transporte e montaxe dos novos elementos.

“Sin embargo, es un proceso todavía caro y hasta ahora solo se está haciendo con ayudas europeas”

As empresas explotadoras destes parques eólicos -non é agora o momento de entrar a valorar con que tipo de procedementos, autorizacións e diñeiro- levan 25 anos producindo unha enerxía eléctrica moi barata que nos estiveron vendendo ao prezo que quixeron e agora nos veñen contando que substituír esas máquinas vellas por máquinas novas é caro e so se está facendo con axudas europeas?
Outra vez pretenden financiar proxectos privados con cartos públicos?

“Estas dos medidas son una tropelía y van contra la libre competencia y el libre mercado de la electricidad”


E seguindo coa cortina de fume seguimos sen mencionar nin a posibilidade de retramitación exprés de proxectos paralizados polo TSXG nin a “arañeira lexislativa” que as diferentes maiorías absolutas do PP galego (Fraga, Feijóo e Rueda) veñen tecendo a base de Leis específicas axeitadamente modificadas anualmente pola vía das Leis de Acompañamento.
Isto sí que é unha auténtica tropelía!

“El ejecutivo gallego ha evaluado 172 declaraciones de impacto ambiental desde 2020 y en 63 casos ha decidido que son negativas”

O executivo galego avaliou 172 proxectos e en 63 deses casos a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) foi DESFAVORABLE. Eses 63 proxectos decaeron definitivamente.
Iso quere dicir que 109 proxectos obtiveron DIA favorable e poideron continuar a súa tramitación administrativa. Pero non todos eses 109 proxectos que obteñen DIA favorable teñen concedida e publicada no DOG a súa autorización administrativa e de construción.

Non se pode presentar Recurso de Alzada contra os proxectos que non teñan publicadas no DOG a súas autorizacións administrativas e de construción.
Non remata a vía administrativa ata que non se resolva o Recurso de Alzada.
Non se pode abrir a vía xudicial sen pechar antes a vía administrativa.

A data de hoxe a o TSXG emitiu resolucións que afectan a 67 proxectos eólicos dos algo máis de 80 sobre os que se presentaron demandas e sobre os que a súa Sala Terceira ten que decidir.
Para 64 deses proxectos, o 95,5% deles, acorda conceder medidas cautelares e para os outros 3, o 4,5%, denega esta medida.

Pero é que, antes de chegar a ese “momento DIA” moitos proxectos quedaron polo camiño, ben porque a propia Xunta os rexeitou (moi pouquiños casos), ben por desestimento das súas empresas promotoras.

No caso da nosa comarca, Val de Miñor e Baixo Miño, nos conxuntos das serras da Groba-Argalo e Galiñeiro-Aloia, estaban proxectados OITO parques eólicos: TRES deles (os PE,s Galiñeiro, Torroña III e Rosal) decaeron por desestimento das súas promotoras, UN (o PE Paraguda) foi anulado, en fase moi inicial, pola Consellería de Industria á vista da mobilización cidadá xerada, e os outros CATRO (os PE,s Albariño I, Toroña, Torroña I e Merendón) foron arquivados por DIA,s DESFAVORABLES.

Ben sabido é que non é esta a norma no noso país, pero estes son datos reais: O 50% dos proxectos “desaparecen” por DIA desfavorable, o 37,5% por desestimento e o 12,5% porque a Xunta os retira.

Quedará alguén que aínda manteña a conspiranoica idea da superpoderosa e malévola acción de determinado maxistrado da Sala Terceira do TSXG para bloquear o progreso de Galicia?

E xa para rematar convén lembrar que as resolucións do TSXG neste tema son sempre en resposta a contenciosos presentados por colectivos e entidades da Sociedade Civil mobilizada contra semellante burla e abuso de poder.

Non existe constancia de que ningunha institución pública como a Fiscalía de Medio Ambiente, o Fiscal Xeral de Galicia, o Valedor do Pobo ou incluso o propio TSXG teña promovido algunha acción para esclarecer todo este monumental enredo.
E ben que o podían facer!
Terían mesmo a obriga de facelo!

É que non merece a súa atención este escandaloso asunto?


Galicia, 9 de xaneiro de 2025

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio