STOP EUCALIPTOS EN GALICIA!
Esiximos a prórroga indefinida da moratoria e a eliminación das plantacións ilegais.
Galicia está a perder a súa esencia, converténdose nun xigantesco eucaliptal debido á nefasta política forestal da Xunta de Galicia. A proliferación descontrolada do eucalipto degrada os nosos ecosistemas, pon en risco a biodiversidade, esgota os recursos hídricos e agrava a frecuencia e virulencia dos incendios forestais.
Os datos son devastadores:
1. Expansión descontrolada e incumprimento da planificación forestal. Os eucaliptais xa ocupan 419.000 hectáreas, unha superficie equivalente á de toda a provincia de Pontevedra. Esta cifra practicamente DUPLICA a previsión establecida para 2030 no Plan Forestal de Galicia de 1992.
2. Substitución da biodiversidade autóctona. O eucalipto está a desprazar as especies autóctonas, incluíndo frondosas caducifolias, fundamentais para o equilibrio ecolóxico. Segundo estudos recentes (Díaz-García e Regos, 2024), en só 13 anos desapareceron 650 hectáreas de bosques autóctonos, mentres que entre 1997 e 2022 a superficie de eucaliptos aumentou un 48,2%. Ademais, a incorporación de especies invasoras como o Eucalyptus nitens, recoñecida como perigosa para os ecosistemas, agrava aínda máis a situación. Detectamos, ademais, que nos procesos de concentración parcelaria promovidos pola Consellería, estase a levar a cabo unha corta indiscriminada de arborado autóctono, o que resulta especialmente preocupante.
3. Un modelo forestal ao servizo da industria, non do rural. O actual modelo aposta por unha explotación intensiva de madeira con pouco valor engadido, sen favorecer un desenvolvemento rural sustentable. O fin da moratoria, sumado a proxectos como os da papeleira portuguesa Altri, podería converter Galicia nun enorme eucaliptal ao servizo de grandes multinacionais. O precedente é claro: cando se inaugurou a fábrica de Ence en Pontevedra, Galicia tiña menos de 90.000 hectáreas de eucaliptos; hoxe superan as 400.000 hectáreas, en boa parte na atención ás demandas desta industria.
4. Incremento dos incendios forestais. O eucalipto, especie altamente pirófila, favorece a propagación de incendios forestais. Nun escenario de cambio climático, onde os lumes serán máis frecuentes e intensos, é urxente unha política forestal enfocada na prevención e na resiliencia dos ecosistemas. A parte do daño ecolóxico e social, a política forestal actual xera unha dependencia brutal dos fondos públicos. O PLADIGA destinou no 2023 arredor de 200 millóns de euros á loita contra incendios, mentres non se inviste en alternativas forestais sostibles. Continuamos financiando a extinción dos lumes en lugar de evitar que se produzan.
5. Degradación dos servizos ecosistémicos. O monocultivo de eucalipto non só incrementa o risco de lumes, senón que tamén esgota os recursos hídricos, empobrece os solos e ameaza a biodiversidade. Estes factores afectan non só a riqueza natural de Galicia, senón tamén a súa capacidade produtiva e o futuro da vida rural. Observamos a proliferación de plantacións masivas de eucaliptos sen cumprir as normativas vixentes, afectando cursos de auga, zonas húmidas e áreas arqueolóxicas catalogadas, entre outros espazos de protección especial.
7. Innacción no control do cumprimento da moratoria. Temos constancia e probas de numerosos casos nos que se violou a moratoria e a administración non actuou de oficio, nin sequera tras as pertinentes denuncias. A día de hoxe, constatamos enormes cantidades de plantacións novas de eucaliptos en terreos onde, antes da entrada en vigor da moratoria, non existían. Apreciamos unha preocupante falta de control directo no monte por parte da Xunta, que non parece realizar inspeccións regulares propias para garantir o cumprimento da moratoria.
8. A eliminación de plantacións ilegais é clave. Adicionalmente, en Galicia existen desde antes da entrada en vigor da moratoria decenas de miles de hectáreas reforestadas ilegalmente con eucaliptos en terras agrarias, bosques de ribeira, terras próximas a núcleos poboacionais, zonas con alta incidencia de incendios forestais e espazos da Rede Natura 2000. Esta situación non só vulnera a lexislación ambiental, senón que tamén compromete o equilibrio dos ecosistemas, a seguridade cidadá e os intereses agrarios e patrimoniais da rexión.
A moratoria da Xunta foi un primeiro paso, pero non é suficiente!
Se non se amplía, en 2025 Galicia volverá vivir unha expansión descontrolada do eucalipto. Non podemos permitilo!
Que pedimos?
- Prórroga indefinida da moratoria sobre novas plantacións de eucalipto e eliminación das plantacións ilegais.
- Promoción de políticas de restauración forestal baseadas en especies autóctonas para garantir un ecosistema sostible e resiliente.
- Apoio a iniciativas cidadás e científicas que traballan na recuperación dos bosques nativos e na diversificación do monte galego.
ASINA E COMPARTE ESTA PETICIÓN!: https://www.change.org/p/paremos-la-plantaci%C3%B3n-de-eucaliptos-en-galicia
Cada sinatura é un paso máis cara a un futuro sostible para os nosos montes. Non deixemos que Galicia se converta nun deserto verde de eucaliptos. Asina agora e esixe a ampliación da moratoria!
E si cres que algunha plantación incumpre a lei, podes usar este FORMULARIO PARA DENUCIAS ANÓNIMAS: https://ecoloxistasenaccion.fala.gal/formulario-para-denuncias-anonimas-stopeucaliptos/
#StopEucaliptos