TRANSICIÓN ECOLÓXICA OU ESPECULACIÓN ENERXÉTICA

NOTA

O venres 7 de febreiro Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde organiza en Pontevedra unha xornada  sobre a actualidade do proceso de transición enerxética, coa colaboración do Concello de  Pontevedra e a Asociación Cultural Sondexeve

Na tarde dese día no Teatro Principal desenvolverase na primeira parte da xornada un debate aberto  á participación cidadá no que catro persoas que de maneira altruísta realizan unha intensa laboura  de asesoramento e adicación en temas ambientalistas no eido das enerxías chamadas limpas,  exporán as súas experiencias sobre o desenvolvemento das industrias deste tipo que están a ser  instaladas na natureza. 

Deseguido contestarán as dúbidas, preguntas, queixas ou suxestións do público asistente. 

Tras unha pausa, na segunda parte da tarde terá lugar a proxección do filme documental “Vidas  irrenovables” que leva máis de cen proxeccións por todo o rural do estado. Ao remate o seu director  explicará as súas vivencias durante a gravación e como reciben os e as asistentes as testemuñas que  se poden ver no filme. De seguido estará dispoñible para cantas ideas e intercambios se susciten. 

Título: TRANSICIÓN ECOLÓXICA OU ESPECULACIÓN ENERXÉTICA

Data: Venres, 7 de febreiro de 2025 

Lugar: Teatro Principal. Pontevedra 

Horario:

16.30 hs Mesa de debate 

Rocío Bravo. Bióloga 

Bruno Centelles. Instituto de Estudos Miñoráns 

Ernesto Romeo. Movimiento Ciudadano Teruel Existe 

Almudena Alonso. Avogada 

17.30 hs Intervencións do público 

18.30 hs Intermedio 

19.00 hs Proxección do filme documental “Vidas irrenovables” 

20.45 hs Coloquio co director, Francisco J. Vaquero 

* A entrada ao Teatro Principal será libre até completar aforo 

Breves notas biográficas 

Rocío Bravo, bióloga pola Universidade Autónoma de Puebla (México), Doutora pola  Universidade de Barcelona, Máster en espazos naturais protexidos (Universidade Autónoma de  Madrid). Traballou en conservación de reservas coralinas no Caribe, e agora en cultivo de vide  albariña aplicando criterios de sustentabilidade. Colabora en accións de protección da paisaxe e das  actividades tradicionais no rural do país. 

Bruno Centelles é de Lugo aínda que reside en Nigrán. Licenciado en Filoloxía románica foi  mestre de ensino primario dende 1984 até a súa recente xubilación. Especialista en medios  audiovisuais e novas tecnoloxías da información. Leva máis de 20 anos como membro das xuntas  de goberno do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e máis da plataforma SOS Serra da Groba. Experto en arte rupestre galego é colaborador habitual das seccións de TIC,s e medios audiovisuais,  arqueoloxía, etnografía, medio ambiente e toponimia do IEM. 

Nestes últimos anos ven traballando intensamente en contra da “invasión eólica” impulsando, entre  outros proxectos, o “Novo paradigma para o estudo dos proxectos eólicos en Galicia” e colaborando  con outras organizacións e colectivos, principalmente con “Petón do Lobo” e con “Ecoloxistas  Galiza Atlántica e Verde”. 

Ernesto Romeo é activista e voceiro do grupo medioambiental do Movimiento Ciudadano Teruel  Existe e da coordinadora estatal Aliente (Alianza Energía y Territorio), colectivo de 217 organizacións e centos de persoas individuais unidas para propoñer unha transición enerxética  xusta. Profesional da comunicación de dilatada experiencia. Turolense, entusiasta e dinamizador do  medio rural e do seu patrimonio. 

Almudena Alonso, Graduada en Dereito e ADE, traballou por conta allea para empresas  financeiras, actualmente traballa por conta propia como avogada e tamén como profesora no Área  de Dereito Mercantil da Universidade da Coruña. Está na quenda de oficio polo que, e debido a que  Ecoloxistas Galiza utiliza a xustiza de balde por cuestións de independencia dos actores da  sociedade no eido ambiental, levou un recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que conseguiu a paralización da tramitación administrativa dun  parque eólico polo risco de que cause danos irreparábeis no medio. 

Estas catro persoas teñen en común unha alta concienciación da necesidade de protexer a vida no  rural, e para iso desenvolven un traballo duro de maneira altruísta aportando os seus coñecementos  e experiencia. 

Ecoloxistas Galiza organiza esta xornada cun sentido didáctico para que a nosa xente se achegue á  problemática que supón un troco do paradigma enerxético, e comprenda a multiplicidade de  factores que inciden e incidirán na vida das nosas comunidades nas próximas décadas. 

Se quere máis información ou poñerse en contacto con algún das/dos compoñentes da mesa de  debate ou do director do filme, o teléfono de contacto é : 722.844.872

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio