Saltar ao contido

Ecoloxistas en Acción agradece a Rodrigo Sorogoyen o seu apoio na gala dos Goya ás comunidades afectadas polos parques eólicos en Galicia e recorda o seu forte impacto sobre os montes de Sabucedo e Campo Lameiro

Dous informes técnicos encargados por Ecoloxistas en Acción Galiza enviados á Administración autonómica inciden na importancia de rexeitar os proxectos Campo das Rosas, Porto Vidros e Touriñán III-2 entre os municipios pontevedreses da Estrada, Cuntis e Campo Lameiro e instan a anular as súas respectivas declaracións de impacto ambiental promovidos respectivamente nos dous primeiros casos por Naturgy e no terceiro por parte da enerxética Greenalia.

Os proxectos afectan a zonas de máxima sensibilidade ambiental, xa que nunha porcentaxe significativa aséntanse sobre hábitats prioritarios ou de interés comunitario, sobre humedais e paraxes higrófilas con afección severa aos leitos da área de actuación, ás veigas dos ríos e vales fluviais, a zonas protexidas de augas potables, a zonas sensibles de captación de augas e a masas de augas soterradas que se solapan coa Rede Natura 2000 afectando á necesaria coherencia desta e a súa conectividade ecolóxica.

DESCONTEXTUALIZACIÓN DA “RAPA DAS BESTAS”

Doutra banda cómpre recordar que estes proxectos desvirtúan a funcionalidade das áreas de especial interés paisaxístico de forma irreversible, afectando ao hábitat natural dos cabalos salvaxes dos montes de Sabucedo e descontextualizando a Festa de Interés Turístico Nacional da Rapa das Bestas, algo incompatible coa presión eólica fomentada por Naturgy e Greenalia e que entra directamente en conflito co expediente promovido dende o Concello da Estrada para que como actividade anual de carácter ancestral sexa declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

GRAVE AFECTACIÓN PATRIMONIAL

Ademáis Os proxectos industriais eólicos afectan de forma severa á AEIP 08.10 “Área Arqueolóxica de Campo Lameiro”, coincidente en gran parte co BIC e xacemento arqueolóxico “Área de gravados rupestres de Paredes-Praderrei”, nas proximidades dos proxectos eólicos Campo das Rosas e Porto Vidros, producindo a descontextualización do patrimonio cultural e a xeración de feísmo paisaxístico.

IMPACTO SOBRE A BIODIVERSIDADE

Os proxectos afectan a diversas especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas catalogadas como vulnerables e en perigo de extinción. Por outra parte ten unha afección severa e irreversible para a herpetofauna e importantes comunidades de briófitas.

DIRECTRICES ENERXÉTICAS EXCEDIDAS

As Directrices Enerxéticas 2018-2020 de Galicia expoñen para a enerxía eólica unha potencia instalada en 2030 de 4.122 MW, sendo a finais de 2019 a potencia instalada de 3.986 MW. Sen embargo, dende setembro de 2022 esta potencia superouse ampliamente, polo que estes proxectos só poden xustificarse desde un punto de vista especulativo e de fomento do lucrativo negocio privado a costa de bens públicos fundamentais para as comunidades.

De feito, Galicia xa superou en 2020 os obxetivos marcados en renovables pola UE para 2030 cunha porcentaxe sobre o consumo final bruto do 46% renovable, o que representou o 107% da súa demanda eléctrica.

AGRADECEMENTO ESPECIAL A RODRIGO SOROGOYEN

Finalmente, Ecoloxistas en Acción desexa facer constar o seu máis sinceiro agradecemento ao director de cine Rodrigo Sorogoyen pola súa valentía e o seu apoio sinceiro e desinteresado na gala dos premios Goya ás comunidades afectadas polos parques eólicos. Un apoio que sen dúbida vai máis alá dos montes de Sabucedo que el menciona, e que a nivel galego fala de que son ducias de plataformas veciñais, asociacións e moitos miles de persoas as que por todo o territorio están dando a cara fronte a un modelo depredador e amoral implantado pola Xunta que só beneficia ás grandes corporacións enerxéticas e vai contra o interese xeral da poboación no ámbito rural galego.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario